Unha nova campaña promocional do comercio local busca dinamizar as vendas nos establecementos de Marín de cara ao Día da Nai.
A iniciativa ten como principal obxectivo incentivar as compras no comercio local durante todo o mes de abril e premiar a fidelidade da veciñanza.
A campaña establece que todas aquelas persoas que realicen un gasto igual ou superior a 30 euros en establecementos comerciais de Marín, entre o 1 e o 30 de abril, poderán beneficiarse dun agasallo especial, unha planta de tempada.
Os importes poderán acumularse nun ou varios tickets, sexan do mesmo ou de distintos comercios, e en diferentes datas dentro do período indicado.
As persoas que participen poderán recoller a planta o sábado 2 de maio na caseta de Marín en Rede da praza de abastos de Marín, en horario de 09.00 a 13.00 horas ou ata esgotar existencias.
Este detalle está pensado para que poidan agasallar ás súas nais ao día seguinte, coincidindo coa celebración desta data tan sinalada.
Para poder retirar a planta, será necesario presentar o ticket orixinal de compra, que será selado polo Concello e devolto á persoa beneficiaria no momento.
Ademais de fomentar o consumo no comercio de proximidade, a campaña incorpora un compoñente social, xa que as plantas foron adquiridas ao novo xardín do proxecto O Botánico do Lago, impulsado pola Fundación Juan XXIII no Lago de Castiñeiras.
Deste xeito, tamén se contribúe á inclusión social e laboral de persoas en situación de vulnerabilidade psicosocial.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.