As infraestruturas críticas foron un dos principais focos de atención das autoridades durante o apagamento, en especial, os hospitais e residencias de maiores. En Pontevedra e Vigo, desprazouse á Brigada Galicia VII, Brilat, para garantir o seu subministro.
Así, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, indicou que militares da Brilat subministraron combustible ao longo da noite "en previsión do agotamento das reservas" aos centros hospitalarios de Vigo e de Pontevedra, para alimentar os xeradores.
No caso da Garda Civil, subministrou combustible ao punto de atención continuada (PAC) do Sergas en Nígrán.
Foi unha das actuacións que se acordou nas reunións de coordinación celebradas a nivel autonómico e tamén provincial.
A nivel galego, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, explicou que están "en coordinación permanente" coa Xunta, que despois da caída do subministro activou o Plan de Emerxencia de Galicia e convocou o Centro de Coordinación Operativo Integrado (Cecopi).
Desde ese momento incorporáronse directamente a Garda Civil, a Policía e a Protección Civil á sala de emerxencia do 112 e, sobre as nove e media da noite, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, solicitou a activación do Plan Estatal de Emerxencia e o Goberno central activouno, asumindo o control.
Ao longo da tarde, a noite e a madrugada, "a coordinación foi plena en todo momento", asegurou Blanco, insistindo en que "a prioridade" foi subministrar combustible para alimentar os xeradores dos hospitais e as residencias.
Ao longo da madrugada, foron garantindo este suministro ao tempo que se foi recuperando a electricidade nas catro provincias.
Ás 8.30 horas da mañá, estaba recuperado o subministro do 84% do territorio en Galicia. Santiago, Ferrol e Vigo fueron as últimas cidades en recuperala e, segundo Pedro Blanco, "nestes momentos, aínda que non estamos ao 100%, hai unha normalidade na maioría das poboacións de Galicia".
A Subdelegación do Goberno confirma que dende as 10.45 aproximadamente están en servizo as 33 subestacións de distribución da provincia de Pontevedra.
A última foi a que abastece a Salvaterra e As Neves. As demais foron entrando progresivamente en servizo dende a tarde de onte e durante toda a noite.