Bueu activa un plan para manter e acondicionar os espazos públicos

Bueu
15 de xaneiro 2020

O goberno municipal de Bueu quere reforzar a área de obras e servizos para que todos os espazos públicos da vila estean en óptimas condicións. Por iso, o Concello impulsará un plan de mantemento e acondicionamento en parques, xardíns e prazas

Obras na rúa da Pedra
Obras na rúa da Pedra / Concello de Bueu

O goberno municipal de Bueu quere reforzar a área de obras e servizos para que todos os espazos públicos da vila estean en óptimas condicións. Por iso, o Concello impulsará un plan de mantemento e acondicionamento en parques, xardíns e prazas.

O obxectivo, segundo o alcalde Félix Juncal, é anticipar os traballos que se viñan facendo coa primavera.

Estas actuacións estanse levando a cabo por parte do persoal municipal e co apoio da Asociación Juan XXIII.

Así, tras a parada polas festividades de Nadal, estase procedendo á rexeneración de xardíns, así como ao baldeo da Praza Massó, que se irán estendendo a outros espazos públicos e incrementándose de cara á primavera. 

A este respecto, o Concello quixo facer un chamamento para que a cidadanía respecte e coide os espazos públicos, xa que concretamente están proliferando moito as imaxes de excrementos de animais domésticos polas rúas.

PAVIMENTADO DA RÚA DA PEDRA

Dentro da aposta polas melloras de espazos, o Concello explicou que as obras de mellora integral da rúa da Pedra van a bo ritmo. Veñen de comezar os traballos de asfaltado coa primeira capa e a próxima semana, se non chove, procederase a botar a segunda capa.

Unha vez executados estes traballos, continuarase coa colocación do canaleta en formigón e procederase a reforzar a recollida das augas pluviais coa inclusión de dúas rexas no tramo de subida ao centro de saúde para que as augas vaian mellor canalizadas.

O obxectivo desta actuación, adxudicada por case 290.000 euros a COVSA, é  mellorar o acceso e a circulación de persoas con mobilidade reducida así como aumentar os anchos das beirarrúas, suprimindo as barreiras arquitectónicas e renovando a sinalización.