Bueu adxudica a rehabilitación da casa consistorial e avanza nos trámites da nova piscina

Bueu
01 de marzo 2018

O Concello de Bueu adxudicou a obra de rehabilitación da casa consistorial á empresa De Nuevo Punto Creativo S.L., cun importe de execución de 33.615,84 euros, IVE engadido. Ao tempo este xoves tamén se produciron avances nos trámites para a nova piscina municipal

Casa do Concello de Bueu PontevedraViva

O Concello de Bueu adxudicou a obra de rehabilitación da casa consistorial á empresa De Nuevo Punto Creativo S.L., cun importe de execución de 33.615,84 euros, IVE engadido. Ao tempo este xoves tamén se produciron avances nos trámites para a nova piscina municipal.

No primeiro dos casos, segundo o salientado polo concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva, é probable que as obras na Casa do Concello se inicien a próxima semana, para o que farán falta diversas actuacións previas, como é o traslado provisorio dalgúns departamentos municipais.

É o caso dos servizos da planta baixa e por iso está previsto que rexistro pase ao salón de plenos e a continuación, farao intervención, para proceder ás obras de reforzamento da estrutura con formigón.

A necesidade de acometer esta actuación, con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra, vén determinada polo mal estado no que se atopan algunhas das dependencias do edificio, que data do ano 1906 e foi reformado no 2002.

PISCINA

O Concello de Bueu celebrou ademais este xoves dúas Xuntas de Goberno: unha para aprobar as últimas licenzas urbanísticas con cargo ás normas subsidiarias de 1986, dado a entrada en vigor do PXOM coa súa publicación este venres no BOPPO, e a outra pola vía da urxencia para dar luz verde á documentación técnica do proxecto da piscina municipal, que non estaba no aprobado o 31 de agosto, caso do estudo xeotécnico, a climatización, instalación eléctrica ou o estudo de saúde. 

Esta documentación é imprescindible para que o Concello poida solicitar a subvención do Plan Concellos da Deputación, trámite previo ao expediente de contratación das obras, tal e como salientou o alcalde da vila, Félix Juncal, ao remate da xuntanza.