Bueu adxudica as obras da piscina e proxecta tres novas actuacións na vila

Bueu
19 de setembro 2018

A empresa Obras y Servicios Gómez Crespo serán quen execute as obras de construción na nova piscina municipal de Bueu, que estará situada na zona das Lagoas. Así o acordou o pleno da corporación municipal, cos únicos votos a favor do goberno municipal do BNG

Pleno da corporación municipal de Bueu
Pleno da corporación municipal de Bueu /

A empresa Obras y Servicios Gómez Crespo serán quen execute as obras de construción na nova piscina municipal de Bueu, que estará situada na zona das Lagoas.

Así o acordou o pleno da corporación municipal, cos únicos votos a favor do goberno municipal do BNG. Estes traballos teñen un orzamento de 2.259.281,75 euros, IVE engadido.

Tras a sinatura do contrato, as obras poderán comezar proximamente.

Este proxecto, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, suporá segundo o goberno municipal un aumento do nivel de saúde e deportivo das persoas, posto que será unha instalación na que a piscina propiamente dita se acompañará de diversas salas polivalentes nas que se fomentará a práctica doutros deportes.

Ademais, o Concello anunciou que acometerá tres proxectos con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra.

Será a pavimentación dos camiños da Cereixeira (A Graña) e o da baixada á praia de Area de Bon (Beluso) e a creación dun vestiario para homes, que complementará o de mulleres, na nave de deportes náuticos de Pescadoira.

O alcalde salientou que o Concello está á espera da autorización para o uso destes remanentes e tan pronto como se reciba procederase á contratación das actuacións.

En total, estas tres actuacións están valoradas en 110.494 euros.