O Concello de Bueu volve apostar este verán pola realización dun amplo programa de actividades na Aula da Natureza de Cabo Udra e a súa contorna.
A iniciativa, dirixida a todos os públicos, busca fomentar o coñecemento sobre os espazos do entornu con especial fincapé na parte medioambiental.
Tras a boa acollida das edicións anteriores, a concellaría de turismo repite a fórmula cun calendario completo para os meses de xullo e agosto, que será desenvolvido novamente pola Asociación Alados, especializada no coidado da natureza.
O programa articúlase en tres bloques: paseos á tardiña, rutas ambientais e talleres infantís.
A actividade arrancará este venres, 3 de xullo, co primeiro dos paseos á tardiña. A saída está prevista ás 20:30 horas desde a Aula da Natureza de Cabo Udra.
Esta proposta repetirase os días 17 e 31 de xullo, así como o 7 e o 21 de agosto. Nestes dous últimos casos será a partir das 20.00 horas. A participación será libre, sen necesidade de inscrición previa.
O domingo 5 de xullo celebrarase unha ruta de sendeirismo entre as praias de Ancoradouro e Lagos, con saída ás 10:30 horas desde o aparcadoiro de Ancoradouro.
As rutas continuarán ao longo do verán con distintos percorridos pola contorna de Cabo Udra.
O calendario inclúe tamén talleres dirixidos ao público infantil. O primeiro será o 11 de xullo, centrado nas pegadas de animais e dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos, no que elaborarán figuras en arxila.
Esta actividade require inscrición previa a través da Asociación Alados, o correo electrónico info@alados.es e no teléfono 662140027.
O mes de xullo completarase cunha ruta circular por Cabo Udra o día 19 e un taller de ecoprint o 25.
En agosto continuarán tanto os paseos como as rutas e talleres, con propostas como actividades de papel reciclado, novas sesións sobre pegadas de animais e ecoprint, ademais de percorridos en diferentes praias da contorna.
Ademais, a Aula da Natureza de Cabo Udra permanecerá aberta ao público durante os fins de semana entre o 3 de xullo e o 31 de agosto. O horario será os venres de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados e domingos de 10:30 a 14:00 horas.
Toda a programación e os detalles das actividades poden consultarse na páxina web do Concello de Bueu.