A pesar do mal tempo dos últimos días, Bueu non renuncia a celebrar, como é habitual, dous desfiles para celebrar o Entroido e encher as rúas da vila de orixinalidade e diversión.
Así, o desfile do Enterriño da Sardiña será o venres 20 de febreiro a partir das 17.00 horas.
Tiña que celebrarse este mércores, pero debido á previsión de chuvia desde o consistorio e os colectivos participantes acordaron pospoñelo ata o venres.
A comitiva, protagonizada polas asociacións de nais e pais da vila e outros colectivos infantís, sairá dende a rúa Montero Ríos, con percorrido polas rúas da vila e remate na carpa de As Lagoas.
Pola súa banda, o desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro encherá de cor as rúas da vila o domingo 22 de febreiro, a partir das 17.00 horas.
Será cun gran desfile e a tradicional queima do paxaro na praia da Banda do Río, que como nos últimos anos foi elaborado polo artista local Tino Resille.
O Concello lembra que aínda está aberto o prazo ata o venres para participar neste desfile e poder optar aos premios económicos nas diversas categorías.
As bases poden consultarse na páxina web municipal.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.