Bueu considera "nefasta" a xestión da Xunta na retirada de niños de velutina

Bueu
02 de agosto 2018

Bueu deuse de baixa como concello colaborador, polo que este verán a Xunta debe asumir de novo a retirada. En menos dun mes, teñen constancia de que a retirada por parte do 012 e da administración autonómica "está sendo totalmente ineficiente", acumulándose niños sen retirar mesmo en vivendas ou en núcleos de poboación con risco

Adrián Ferrer, concelleiro de Medio Ambiente de Bueu
Adrián Ferrer, concelleiro de Medio Ambiente de Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu alertou este xoves da "nefasta" xestión que está a facer a Xunta de Galicia dos niños de avespa velutina que está a proliferar no municipio, como no resto de Galicia. 

O concelleiro de Medio Ambiente, Adrián Ferrer, cualificou desta maneira a actuación da administración autonómica ao tempo que lembrou que a Xunta asumía a retirada dos niños ata o ano 2014 e nese momento asumiu a tarefa o Concello a través da sinatura dun convenio que o convertía en concello colaborador. En función dese acordo, a administración autonómica proporcionou á local traxes e unha pértega para a retirada dos niños.

A retirada realizábase mediante ese convenio en colaboración cos membros de AGA - Morrazo, pero dado que este ano estes voluntarios rexeitaron seguir a realizar estes traballos de forma voluntaria coa colaboración económica e medios do Concello, Bueu deuse de baixa como concello colaborador, polo que este verán a Xunta debe asumir de novo a retirada. 

No tempo que pasou desde esa decisión, menos dun mes, no Concello ten constancia de que a retirada por parte do 012 e da administración autonómica "está sendo totalmente ineficiente", acumulándose niños sen retirar mesmo en vivendas ou en núcleos de poboación con risco.

Ante o que está a acontecer, o Concello recomenda á cidadanía de que no momento de chamar ao 012 no caso de ter un niño próximo á súa vivenda entregue tamén no rexistro xeral un escrito para que se poida ter constancia

Arquivado en