Bueu destinará 576.000 euros anuais para financiar o servizo de axuda no fogar

Bueu
10 de febreiro 2021

A edil de Benestar Social, Ana Isabel Otero, explicou que este é un servizo básico financiado polo Concello e a Xunta de Galicia, que se completa cunha pequena achega das persoas usuarias. "Levábamos moito tempo traballando neste contrato", engadiu

Persoas maiores BM10777 / Pixabay

O Concello de Bueu sacou a contratación a xestión do seu servizo de axuda no fogar. Será un prazo de dous anos. Para sufragalo, vanse a destinar algo máis de 576.000 euros por ano.

As empresas interesadas teñen ata o 10 de marzo para presentar as súas ofertas, segundo informa o goberno municipal, que agarda celebrar cinco despois a mesa de contratación.

A edil de Benestar Social, Ana Isabel Otero, explicou que este é un servizo básico financiado polo Concello e a Xunta de Galicia, que se completa cunha pequena achega das persoas usuarias. "Levábamos moito tempo traballando neste contrato", engadiu.

Este servizo comprende a atención no fogar e a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia como servizo social comunitario básico dende unha perspectiva integral e normalizadora.

Os usuarios son aquelas persoas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio entorno de convivencia e evitando así a súa posible institucionalización.