Bueu estuda mancomunar a limpeza de praias e as rozas con Moaña e Cangas

Bueu
03 de xullo 2017

A maiores do lixo, que está mancomunado, os tres concellos analizarán a posibilidade de contratar de forma conxunta a limpeza de praias ou as rozas de camiños e áreas recreativas, que supoñen moitos problemas sobre todo na época estival

Reunión de Bueu, Cangas y Moaña para estudar mancomunar servizos Concello de Bueu

Os tres concellos que forman a Mancomunidade do Morrazo, Bueu, Moaña y Cangas, estudarán xestionar máis servizos municipais de forma conxunta para aforrar gastos.

Así o avanzaron tras unha xuntanza celebrada na casa consistorial de Bueu, na que participaron os alcaldes de Bueu e Cangas, Félix Juncal e Xosé Manuel Pazos, e os edís de medio ambiente e obras dos tres municipios.

A maiores do lixo, que está mancomunado, os tres concellos analizarán a posibilidade de contratar de forma conxunta a limpeza de praias ou as rozas de camiños e áreas recreativas, que supoñen moitos problemas sobre todo na época estival.

Segundo declarou Juncal ao remate da xuntanza, e como recentemente se modificaron os estatutos da mancomunidade, a idea é incorporar outros servizos e así ampliar os existentes. 

Polo tanto, non só se encargaría un estudo sobre o futuro do servizo de xestión dos residuos, senón que se valorará a posibilidade de que se inclúan noutros estudos económicos e técnicos os servizos de limpeza de praias e rozas.

Estes estudos permitirán abordar despois a toma de decisión, buscando sempre que a mancomunidade poida facilitar as xestións municipais.

Os tres concellos mostráronse conformes ante esta forma de abordar o futuro do ente supramunicipal.