Bueu estuda mellorar a rúa Pazos Fontenla en colaboración con Augas de Galicia

Bueu
07 de outubro 2020

A rede de saneamento actual é unitaria e atópase obsoleta e ao límite da súa vida útil, co risco de rupturas e filtracións. Ademais, o carácter único desta rede dá lugar á sobrecarga hidráulica da mesma nos períodos de precipitacións, sobre todo na zona próxima ao río Bispo

Responsables de Augas de Galicia acompañan ao alcalde de Bueu na rúa Pazos Fontela
Responsables de Augas de Galicia acompañan ao alcalde de Bueu na rúa Pazos Fontela / Concello de Bueu

O goberno municipal de Bueu xa valora a posibilidade de mellorar de xeito integral a rúa Pazos Fontenla, actuación que incluiría a renovación das redes de auga nun tramo urbano titularidade da Xunta de Galicia. De aí que pedira a colaboración de Augas de Galicia.

Un técnico do ente autonómico visitou este mércores a zona, acompañado do alcalde, Félix Juncal, o arquitecto municipal, o arquitecto técnico e o responsable da empresa concesionaria do servizo de augas, FCC Aqualia.

Con esta actuación, o Concello pretende corrixir os problemas actuais coa renovación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais , cunha lonxitude de máis dun quilómetro.

"Esta actuación é prioritaria e reclamamos que a Consellería de Infraestruturas valore unha mellora integral, que incluiría tamén a renovación do pavimento polas dúas beirarrúas que se atopa en moi mal estado, coas conseguintes molestias para a cidadanía", explicou o alcalde.

Desde a Alcaldía xa se remitira un proxecto valorado en preto de 90.000 euros para a renovación destas redes de augas, e esta visita técnica serviu para analizar polo miúdo o estado actual de cara á adopción de posibles solucións por parte de Augas de Galicia.

A rede de saneamento actual é unitaria e atópase obsoleta e ao límite da súa vida útil, co risco de rupturas e filtracións. Ademais, o carácter único desta rede dá lugar á sobrecarga hidráulica da mesma nos períodos de precipitacións, sobre todo na zona próxima ao río Bispo.