Bueu fai unha chamada á concienciación cidadá ante as montañas de lixo en Lapamán

Bueu
23 de xuño 2015

Ante as queixas pola sucidade de areais como as de Agrelo ou Portomaior, Félix Juncal anunciou que o persoal de limpeza comezou este luns os traballos de mellora dos areais, polo que se agarda que nas vindeiras semanas teñan un mellor aspecto

Montañas de lixo na praia de Lapamán durante a fin de semana Javier Lago

O Concello de Bueu realizou este martes unha chamada á concienciación cidadá para lograr un maior compromiso co medio ambiente e a limpeza das praias e, desta forma, evitar situacións como a que se deu durante a pasada fin de semana no areal de Lapamán, onde se xeraron montañas de lixo nunha esquina.

Esta vertedura provocou queixas entre os usuarios da praia e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, reaccionou aclarando que o Concello non adoita colocar as papeleiras na praia ata despois sde a celebración de San Xoán, isto é, este martes, pero que "este motivo non é escusa para que os cidadáns vertan o lixo en calquera lugar e menos nunha praia na que a escasos 30 metros hai contedores onde poderían depositar eses lixos".

Por outra banda, e ante as queixas pola sucidade de areais como as de Agrelo ou Portomaior, Juncal anunciou que o persoal de limpeza comezou este luns os traballos de mellora dos areais, polo que se agarda que nas vindeiras semanas teñan un mellor aspecto. 

O Concello de Bueu conta para este verán con catro praias con bandeira azul: Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán, todas elas con augas de calidade excelente. Ademais, tras a última mostraxe da Xefatura de Sanidade da Deputación de Pontevedra, a maioría dos areais de Bueu aprobaron con matrícula de honra o estudo da calidade das augas.