Bueu inicia o axardinamento da rotonda do polígono de Castiñeiras

Bueu
02 de setembro 2020

O plan de emprego da  Deputación permite acometer a adecuación deste espazo, que era unha vella demanda dos empresarios  

Inicio dos traballos de axardinamento da rotonda do polígono empresarial de Castileiras
Inicio dos traballos de axardinamento da rotonda do polígono empresarial de Castileiras / Concello de Bueu

As tarefas de axardinamento da rotonda da zona norte do parque empresarial de Castiñeiras en Bueu xa están en marcha. O primeiro encargo do equipo de xardinería contratado no marco do plan de emprego da Deputación de Pontevedra foi a limpeza desta zona que, segundo declaran desde o goberno local, "é unha vella demanda da asociación de empresarios".

Durante estes primeiros días, os traballadores encárganse de limpar a superficie e do fresado dunha parte do recinto no que se implantará herba natural e un sistema de rega automática.

A actuación completarase coa colocación de plantas ornamentais nunha composición que xa está a deseñar o capataz de xardinería municipal.

O alcalde do municipio, Félix Juncal, supervisou o inicio dos traballos que se desenvolven nun vial de titularidade provincial. O Concello adquirise este compromiso hai meses en reunións mantidas co empresariado e destaca que este acabado vén completar as renovacións realizadas no polígono nos últimos anos, como a modernización da iluminación ou a reparación de beirarrúas.