A praza de abastos de Bueu acollerá esta fin de semana unha nova actividade de fomento do consumo local. Trátase dun mercado da saúde e do benestar, que estará aberto venres e sábado de 10 a 14 horas.
Participarán nel nove expositores: Mestre Martín, A Despensa na Terra, Exon Clinic, Colmealoe, Biochousa, Hoja de Limón, Albariza do Ferreiro, Augaplus e Rikeza e Tenda de Gata.
Así o presentaron en rolda de prensa o alcalde da vila, Félix Juncal, a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, e a técnica de desenvolvemento local, Sonia Cabodevila.
O alcalde salientou a orixinalidade e boa acollida dos mercados temáticos anteriores para a dinamización e promoción da praza de abastos, idea que tamén quixo recoller a concelleira Silvia Carballo, quen se mostrou "receptiva á organización de todos os eventos que teñan como fin a revalorización dos nosos produtos e das pequenas empresas".
Pola súa banda, Sonia Cabodevila, resaltou que tanto este mercado como o seguinte se van organizar só con horario de mañá, debido a que estamos en época estival.
Os asistentes coincidiron en apuntar que se trata dunha actividade de promoción da praza como lugar de compra, e da súa dinamización. Por iso, o venres ás 12.30 horas está organizado un obradoiro de batidos verdes e saudables, con entrada de balde ata completar aforo, impartido pola Tenda da Gata con froitas e legumes eco e auga.
O sábado será a quenda da demostración gastronómica de receitas elaboradas a base de estrugas da man do Mestre Martín "O home das estrugas". Esta é unha das actividades estrela, xa que Martín Álvarez forma parte da Asociación Cultural Ortigas, ademais de ser autor do libro 45 receitas con ortigas.
Esta actividade será tamén ás 12.30 horas e poderán probar as receitas de balde todas as persoas que adquiran produtos nos postos da praza de abastos ou nos propios expositores deste mercado.
Este mercado temático está subvencionado polo Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, e insírese nos proxectos de dinamización da praza de abastos de Bueu e de promoción da economía local.