Bueu pedirá á Deputación os fondos para a piscina municipal que non logra da Xunta

Bueu
20 de agosto 2017

O Concello de Bueu presentará o proxecto de construción da piscina municipal á nova liña de axudas que acaba de anunciar a Deputación Provincial para obras singulares en municipios de menos de 20.000 habitantes de Pontevedra 

Visita de Félix Juncal e David Regades aos terreos da futura piscina municipal de Bueu
Visita de Félix Juncal e David Regades aos terreos da futura piscina municipal de Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu presentará o proxecto de construción da piscina municipal á nova liña de axudas que acaba de anunciar a Deputación Provincial para obras singulares en municipios de menos de 20.000 habitantes de Pontevedra.

O alcalde, Félix Juncal, non quixo perder o tempo e tan só cinco días despois de que a Deputación dera a coñecer a nova liña de axudas xa anunciou que Bueu vai presentar este proxecto, no que levan traballando varios meses e para o que xa pediron financiamento á Xunta de Galicia sen éxito. 

Un dos requisitos destas axudas da Deputación é que o proxecto estea xa rematado cando se pida a axuda. No caso de Bueu cúmprese, pois levan meses traballando en todo o que ten que ver cos trámites administrativos para a contratación do estudo de viabilidade e agardan telo a comezos de setembro.

O Concello confía en obter o apoio provincial cunha contía económica importante que permita a viabilidade financeira desta infraestrutura tan necesaria para Bueu dende o punto de vista deportivo e da saúde e benestar.

En caso de que se confirme a concesión da subvención, faranse os trámites necesarios que permitan a contratación das obras o máis rápido posible e que farán posible a consecución do compromiso máis ambicioso dos nacionalistas no seu programa electoral.

Félix Juncal asegura que, de todas maneiras, non renunciará a seguir insistindo en pedir axuda da Xunta de Galicia. Nas próximas semanas remitirán unha nova solicitude de reunión co presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo. O grupo municipal do BNG xa aprobou en pleno unha proposta para instar ao ente autonómico a que apoiase esta infraestrutura valorada en case 3 millóns de euros.