Bueu pedirá á Subdelegación do Goberno reforzar os controis de acceso para evitar a chegada de visitantes de zonas en alerta vermella

Bueu
06 de novembro 2020

Este municipio non se atopa en alerta porque o número de persoas contaxiadas é baixo. O goberno local teme que poidan producirse contaxios por parte de persoas procedentes doutros Concellos e por este motivo realizará controis a través dos axentes da Policía Local. A alcaldía solicita a colaboración cidadá para que se actúe con responsabilidade

Municipio de Bueu
Municipio de Bueu

Bueu non se atopa en alerta. O número de contaxios de covid-19, segundo indican desde o goberno local, é baixo. Este xoves, o equipo que dirixe o alcalde Félix Juncal reuníase para analizar o Decreto da Xunta de Galicia e as medidas restritivas para evitar a expansión da pandemia.

O goberno local pide a colaboración de toda a cidadanía para que continúe actuando con responsabilidade e sensibilidade. O Concello lembra que conta cun plan de actuación que irá aplicando no caso de que se agrave a situación e sinala que realiza un seguimento diario do que acontece tanto no municipio como na contorna.

Precisamente, varios dos concellos lindeiros atópanse en alerta vermella e cun peche perimetral. É o caso de Marín, Pontevedra, Vilaboa e Cangas. Félix Juncal pide á poboación bueuesa que respecte as medidas establecidas polos protocolos sanitarios e que reduza a mobilidade ao máximo. 

A alcaldía dará instrucións aos axentes da Policía Local para que aumente o control e a vixilancia para que se cumpran as medidas e solicitará á Subdelegación do Goberno en Pontevedra que reforce os controis da Garda Civil nos accesos a Bueu.

O goberno local recoñece a preocupación cidadá que existe ante a posibilidade de que se rexistren movementos de persoas procedentes doutros municipios que se atopan en alerta vermella e poidan incrementarse os casos positivos na vila.