Bueu publica o programa da Festa das Alfombras Florais do Corpus

Bueu
27 de maio 2024

Celebrarase a vindeira fin de semana polas rúas da vila, e haberá actos relixiosos música, atraccións e exposición de fotos antigas

Alfombras florais en Bueu
Alfombras florais en Bueu

Este domingo, 2 de xuño Bueu volverá encher as súas rúas de cor coas súas alfombras florais do Corpus Christi.

O Concello ven de presentar o programa de Festa das Alfombras Florais do Corpus e tamén se convocan as axudas para que as persoas e colectivos que elaboren estes tapices poidan solicitalas.

A programación da festa, declarada como de Interese Turístico Galego, comezará xa entre a noite e a madrugada anterior ao domingo. Así, ás 12 horas, terá lugar na Igrexa de San Martiño de Bueu a misa cantada coa Coral Polifónica de Bueu con posterior procesión ao redor dela.

Ás 18 horas, na capela de San Xosé, e como novidade con respecto a anos anteriores, desenvolverase a adoración eucarística seguida de procesión coa Banda de Música Artística de Bueu polas rúas Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, Montero Ríos, Eduardo Vincenti e volta á capela.

Pola noite, a partir das 21 horas, no aparcadoiro de As Lagoas será a verbena coa orquestra Los Españoles. As atraccións estarán instaladas dende o venres ata o domingo na explanada do Centro Social do Mar, polo que se poderá gozar dos diversos xogos durante eses días.

Durante a fin de semana, o Concello tamén organizará nos xardíns da Igrexa unha exposición de fotos antigas nas que se poderá ver a evolución histórica desta festa e das persoas que participaron nela ao longo do tempo.

En canto á pirotecnia, está previsto o lanzamento dos fogos o sábado ás 12 e 20 horas; e o domingo ás 10 horas, e durante as misas e procesións.

AXUDAS POR PARTICIPACIÓN

As persoas e colectivos que elaboren tapices para a festa (a partir do sábado 1 de maio ás 18 horas) poderán solicitar as subvencións dende este martes e ata o xoves 30 de maio. Para estas axudas de participación se destina un crédito de 9.000 euros. 

As axudas por participación estarán dirixidas a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras dentro do percorrido marcado para a festividade de 1,4 quilómetros, e que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, e Francisco Escáneo. 

Dentro desta ruta, e segundo establecen as bases, márcase a única excepción das alfombras florais realizadas na Igrexa de San Martiño de Bueu, xa que se trata do punto inicial historicamente do percorrido e onde tamén terán lugar diversas actividades vinculadas á celebración da festa.

Ademais destas axudas, o consistorio repartirá de xeito gratuíto para a elaboración de alfombras o verde, a cuncha de berberecho, o papel e xices, que se poderán solicitar no propio Concello.

A TRADICIÓN DAS ALFOMBRAS FLORAIS EN BUEU

A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950.

Un dos costumes que máis lembra a veciñanza da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.

Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.