Bueu quere que a Banda do Río teña tamén a súa bandeira azul

Bueu
15 de decembro 2021

Ás catro praias que tradicionalmente conseguen a bandeira azul, Lapamán, Portomaior, Area de Bon e Lagos, Bueu quere sumar unha quinta: o areal urbano de Banda do Río

Praia de Banda do Río
Praia de Banda do Río / Concello de Bueu

Ás catro praias que tradicionalmente conseguen a bandeira azul, Lapamán, Portomaior, Area de Bon e Lagos, Bueu quere sumar unha quinta: o areal urbano de Banda do Río.

Así, o goberno municipal presentou a candidatura destas cinco praias para este galardón, que concede cada ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

Para o alcalde, Félix Juncal, a bandeira azul para a Banda do Río sería un "fito histórico" porque a praia partía dun "niveis altísimos" de contaminación que se lograron erradicar co traballo realizado na última década.

Xa coa vista posta nesta campaña, o Concello activou o pasado verán o servizo de socorrismo no areal e tamén se acaban de instalar uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, no que está proxectada unha mellora para o fomento da accesibilidade.

O alcalde salienta que "é un momento ilusionante" pensar que esta praia poida izar este distintivo porque "poñería a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas", que no seu momento, recoñece, "era unha utopía".

Ademais, Bueu tamén aspirará a revalidar o distintivo azul para os centros medioambientais, concretamente para a Aula da Natureza de Cabo Udra e para o Centro de Interpretación de Agrelo, cuxas candidaturas xa foron presentadas nesta semana.

A elas engadirase a candidatura do Sendeiro de Cabo Udra, que tamén se ultimará nos vindeiros días.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora