Buscan a cruz do Monte Xiabre, vítima dun acto vandálico

O Salnés
26 de maio 2025
Actualizado: 17:48

O Concello de Vilagarcía condena o sucedido e busca recuperar este símbolo instalado hai décadas polos aprendices de Renfe, que deu nome ao actual miradoiro turístico

Cruz do Monte Xiabre desaparecida
Cruz do Monte Xiabre desaparecida / Concello de Vilagarcía de Arousa - Arquivo

A cruz de ferro que durante décadas presidiu o Monte Xiabre e que deu nome ao popular miradoiro inaugurado en setembro de 2022 foi vítima dun acto vandálico a finais da semana pasada.

Segundo informou o Concello de Vilagarcía, descoñécese o día exacto no que se produciu o suceso, pero numerosos usuarios habituais do monte xa se puxeron en contacto co goberno local para denunciar a desaparición deste símbolo.

O goberno que lidera o alcalde Alberto Varela condenou con contundencia este acto, que cualificou de "incomprensible", xa que a cruz non ten valor material pero si un importante valor sentimental e histórico para os veciños da comarca.

"Non se entende que alguén considerase unha boa idea arrancar directamente ese elemento sen ningún outro motivo que facer dano", sinalaron fontes municipais.

A cruz do Xiabre foi elaborada e instalada polos alumnos da escola de aprendices de Renfe hai varias décadas, aínda que permaneceu relativamente descoñecida para o gran público ata que foi redescuberta coa posta en marcha das rutas de sendeirismo na zona.

Foi en 2021 cando o Concello de Vilagarcía decidiu poñer en valor este enclave privilexiado creando un miradoiro ao seu arredor.

O proxecto, que se materializou en setembro de 2022, consistiu na instalación dunha plataforma circular de 72 metros cadrados que permite gozar dunha panorámica de 360 graos sobre a Ría de Arousa e o curso baixo do río Ulla.

Desde este punto estratéxico pódense contemplar os parques de cultivo de Carril e as concesións marisqueiras dos Lobos do Ulla en Bamio, así como unha impresionante vista sobre os vales do Salnés e o Ullán.

 A estrutura, que se levantou abrazando a modesta cruz de ferro, converteuse nun dos puntos turísticos do municipio.

Na actualidade, operarios municipais están a realizar batidas polas inmediacións co obxectivo de localizar a cruz e poder devolvela ao seu emprazamento orixinal.

Se a busca non dese resultado, o Concello estudará a posibilidade de fabricar unha nova ou elaborar unha réplica exacta da desaparecida, para que este símbolo sentimental volva presidir un dos puntos referenciais do Monte Xiabre.