Buscan solucións para evitar que o alumnado de 3 a 5 anos do CEIP de Chancelas colla o transporte na PO-308

Poio
30 de outubro 2023

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e a xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, visitaron este luns o colexio de Chancelas, en Combarro, acompañados pola directora do CEIP e do responsable provincial da AXI, Manuel Juanatey

Visita ao CEIP de Chancelas
Visita ao CEIP de Chancelas / Concello de Poio

O Concello de Poio e a Xunta de Galicia traballan xuntos para buscar solucións ao transporte escolar do alumnado de infantil no CEIP de Chancelas, Combarro, co obxectivo de evitar que o alumnado de 3 a 5 anos colla o transporte na PO-308.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e a xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, visitaron este luns este colexio de Combarro acompañados pola directora do CEIP e do responsable provincial da AXI, Manuel Juanatey, para comprobar sobre o terreo as diferentes alternativas.

A concelleira sinalou que esta é unha das prioridades do novo Goberno para "garantir a máxima seguridade do alumnado de 3 a 5 anos do colexio", que teñen que desprazarse cen metros e baixar por unhas escaleiras para subir ao autobús na estrada xeral porque as dimensións do vehículo e o acceso da vía impiden que chegue ata o colexio.

O Concello considera que se trata dunha situación de risco "porque estamos falando de nenos moi pequenos para os que un despiste menor neste caso podería ser fatal".

Así, unha das propostas a analizar será proporcionar un microbús e cambiar a entrada e saída do alumnado máis pequeno do colexio para que accedan directamente polo Camiño da Escola (o centro escolar ten dúas entradas) e evitar así que teñan que desprazarse e, sobre todo, evitar situacións de risco.

A edil agradece a colaboración da Xunta neste tema e explica que levan en contacto permanente coa xefatura territorial de Infraestruturas e Mobilidade desde o inicio do curso escolar para solucionar os problemas que van xurdindo no transporte, e máis especificamente, para buscar unha solución a unha situación que non é nova pero si prioritaria este curso tanto para o novo Goberno como para a dirección do centro escolar.