'Búscase a Talento', campaña da Deputación con concurso escolar para promover o xogo non sexista

Pontevedra
04 de decembro 2021

A campaña era presentada este venres na Deputación pola presidenta provincial Carmela Silva que anunciou que terá continuidade cara ao Entroido ou en programas como #depoEmprende. A institución provincial enviará carpetas cun xogo de creación a 216 centros públicos para que o alumnado de 3º e 4º de Primaria elabore a Talento con careta e recortables

Carmela Silva coas creadoras da campaña 'Búscase a Talento'
Carmela Silva coas creadoras da campaña 'Búscase a Talento' / Mónica Patxot

"Non existen xoguetes para nenas ou para nenos. Déixalles experimentar", esta é unha das mensaxes que se proxectan no vídeo elaborado para a campaña 'Búscase a Talento', que pon en marcha a Deputación de Pontevedra a través da área de Igualdade.

Carmela Silva, presidenta provincial, presentaba este venres a campaña a través da que 216 centros públicos de Primaria en Pontevedra recibirán 15.000 cartafoles con cartas informativas e co cartón da careta cos  recortables, que se poden completar a través da web, para que os escolares de 3º e 4º de Primaria imaxinen e elaboren a imaxe que lles gusta de Talento, un personaxe "feliz, libre, intelixente e creativo", indicaba Silva durante a presentación.

Ata o 15 de xaneiro, o alumnado poderá crear a súa careta ao mesmo tempo que reflexionan coas súas familias ou co profesorado sobre os xoguetes, os xogos e os espazos para estes xogos. Só se admitirá unha figura por escolar e a creatividade presentarase en formato pdf ou jpg a través de [email protected]

A campaña continuará en Entroido e tamén a través de iniciativas como #depoEmprende, segundo explicou Carmela Silva. Entre os traballos outorgarase un primeiro premio, que irá dotado cun xogo educativo, material para o centro e a publicación dun conto escrito polo escolar que gañase en colaboración cunha escritora e unha ilustradora. Tamén haberá dous accésit.

A presidenta da  Deputación explicaba que igual que o Talento non ten sexo; os xoguetes, tampouco. Pediu ás empresas creadoras de xoguetes que non sexan sexistas e que non se regalen xoguetes sen ter en conta a igualdade. "Non hai dereito a entrar nun espazo de venda de xoguetes e que estea discriminado", expuxo Carmela Silva na súa intervención para preguntarse "pódese ser feliz cando che impoñen polo xénero a que tes que xogar?". Incidiu en que é necesario actuar con intelixencia para chegar "a quen pode cambiar o mundo".

Laura Seara, creadora da campaña, agradecía durante a presentación a actitude e o compromiso por parte de Carmela Silva para converter á Deputación nun "faro para a igualdade".