Preto de 800 estudantes dun total de 28 centros da provincia participarán este curso escolar na sexta edición do programa Depoemprende da Deputación, que busca fomentar o emprendemento no marco da comunidade educativa.
O Goberno provincial ven de aprobar a relación de colexios e institutos seleccionados para participar nas tres modalidades.
En concreto, na categoría de Depoemprende na Escola participarán 12 centros, cunha previsión de 396 alumnos. A través do programa, os estudantes de 5.º e 6.º de Primaria e de Educación Especial crearán e xestionarán unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda. Os colexios seleccionados son tres de Pontevedra (CEIP Santo André de Xeve, CEIP A Xunqueira 1 e o CEE Pontevedra); dous de Cambados (CEP Antonio Magariños Pastoriza e CEIP Enrique Barreiro) e un nos concellos de Ribadumia (CPI Julia Becerra Malvar); Vigo (CEIP Plurilingüe Ría de Vigo); Tui (CEIP Plurilingüe nº1 de Tui); Cerdedo-Cotobade (CEP Plurilingüe de Carballedo); Gondomar (CEIP Plurilingüe Souto-Donas); O Porriño (ACEESCA) e Nigrán (Colexio Estudio).
No caso de Depoemprende na ESO, serán 7 centros os que tomarán parte na nova edición, cunha estimación de 168 estudantes de 15 a 16 anos (4º da ESO), que crearán cooperativas escolares nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras e porán en práctica cuestións como a capacidade de negociación, a toma de decisións, comunicación e resolución de conflitos. Trátase de centros de Redondela (IES Illa de San Simón); Vilaboa (CPI O Toural); Moaña (IES Plurilingüe A Paralaia); Cangas (IES de Rodeira); Gondomar (IES Plurilingüe Terra de Turonio); Tui (IES San Paio) e Pontevedra (IES Luís Seoane).
Depoemprende na FP está dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior, que desenvolverá proxectos empresariais nos que se potenciará a adquisición de competencias e aptitudes relacionadas co emprendemento. Participarán na nova edición 782 estudantes de 9 centros, catro deles de Vigo (CEIP Valentín Paz Andrade, IES Manuel Antonio, Colexio San Miguel e CEBEM Formación Profesional); tres de Pontevedra (o CFEA Lourizán, CIFP Carlos Oroza e CIFP A Xunqueira); un de Cangas (IES de Rodeira) e un de Bueu (IES Johan Carballeira).
Amais de fomentar o emprendemento no marco do sistema educativo, o programa da Deputación busca impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.