A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a modificación do encargo realizado a Tragsatec para este 2025 para desenvolver o servizo de acollida e protección de animais abandonados que presta a través do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN).
En concreto, o seu orzamento ascende ata chegar a máis dun millón de euros, tras sumar outros 320.000 euros máis para seguir mellorando o servizo de Colonias Felinas que desenvolve nos 51 concellos adheridos.
No 2024 a Deputación puxo en marcha a campaña de esterilización de gatos e gatas nas colonias felinas, atendendo a un total de 600 animais.
Ante ese éxito, e para seguir axudando aos concellos a cumprir coa vixente Lei de benestar animal, a institución provincial acaba de aumentar o número de gatos a esterilizar este ano, ata un máximo de 1.200.
Ademais, o persoal do CAAN tamén se encargará do mapeo e censo dos gatos coa colaboración de cada concello para unha planificación e control nas esterilizacións acorde ao volume de poboación que se desexa controlar, así como para que resulte eficiente e impida o aumento do número de gatos.
Tamén se establece un programa sanitario da colonia supervisado por un profesional veterinario, realizando a desparasitación, comprobación sanitaria, vacinación e identificación de cada un dos animais capturados.
Desde o pasado 8 de abril de 2013 está a funcionar o CAAN, xestionado pola empresa estatal pública Tragsatec (filial de Tragsa) e baixo a tutela da Deputación.
A empresa pública Tragsatec ten máis de dúas décadas de experiencia en prestación de servizos xerais vinculados ó mundo animal, a saúde pública e a temática ambiental referida á fauna. En Galicia está a desenvolver traballos para diferentes administracións, relacionados todos eles coa protección animal, coa recollida e coa xestión de núcleos zoolóxicos.