Máis de 200 persoas participaron este venres nunha mobilización no paseo de Silgar para reclamar o mantemento da balaustrada de pedra orixinal.
A convocatoria, impulsada polo BNG de Sanxenxo e secundada por diversos colectivos locais, consistiu nunha cadea humana que percorreu o tramo final do paseo, na zona do miradoiro, como resposta ao proxecto de mellora da accesibilidade que contempla o uso de aceiro inoxidable na baranda.
O conflito xorde pola discrepancia entre a documentación oficial da obra e as declaracións públicas do alcalde, Telmo Martín.
O expediente de contratación número 21/2026, aprobado o pasado 16 de abril, especifica textualmente que "a baranda de pedra se retirará e no seu lugar colocarase unha nova baranda metálica de aceiro inoxidable".
Pola contra, o rexedor cualificou estas informacións de "bulo" e asegurou que o granito permanecerá no seu sitio, engadindo elementos metálicos unicamente para cumprir coas normas de seguridade.
O BNG defende que a balaustrada de granito é un elemento identitario e histórico de Sanxenxo. O voceiro nacionalista, Adrián González, sinalou que a documentación técnica é clara e que a licitación actual mantén a orde de retirar a pedra.
Segundo o grupo municipal, existen alternativas técnicas para elevar a altura da baranda sen necesidade de substituír o material tradicional.
Pola súa banda, o PSdeG-PSOE presentou un escrito no rexistro municipal no que solicita o adiamento das obras ata que remate a tempada estival.
O grupo socialista considera necesario garantir que o compromiso verbal do alcalde se traslade formalmente ao proxecto definitivo
. O PSOE recoñece a necesidade de mellorar a seguridade nun tramo onde a caída cara á praia alcanza os nove metros, pero esixe que se faga respectando a estética do paseo.
A plataforma veciñal SOS Sanxenxo tamén solicitou por escrito o acceso íntegro ao expediente de contratación.
Este colectivo cuestiona se o orzamento de 396.850 euros sufrirá algunha modificación no caso de que finalmente non se realicen os traballos de retirada da pedra, tal e como afirmou o Goberno local.
VERSIÓN DO GOBERNO LOCAL
O alcalde, Telmo Martín, sostén que a actuación é obrigatoria por responsabilidade civil e seguridade peonil. Segundo os informes técnicos, o tramo de 120 metros afectado require que a protección alcance os 1,10 metros de altura e que se reduzan os espazos entre columnas para evitar caídas.
A proposta do Concello consiste en manter a estrutura de pedra e reforzala con barras de aceiro inoxidable entre os ocos e un pasamáns na parte superior.
Martín insiste en que esta solución técnica respecta a imaxe do municipio e cumpre coas esixencias legais de seguridade sen eliminar o elemento orixinal de granito. O proxecto global inclúe tamén a instalación de plataforma única con lastro azul dende a rúa Ourense ata Rosalía de Castro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.