O temporal das últimas horas provocou a caída de parte da fachada dun edificio situado no centro histórico de Pontevedra, concretamente na rúa Princesa.
Trátase do inmoble número 5 que, segundo as autoridades, é unha vivenda deshabitada polo que non houbo que desaloxar aos veciños.
O forte vento e as choivas desta noite provocaron que esborrallase a fachada do segundo piso do edificio, caendo sobre a rúa.
A Policía Local acordoou a rúa e impídese o paso por diante do inmoble afectado. Neste sentido, cortouse o tránsito peonil e de vehículos entre a rúa Isabel II e a praza do Teucro.
Ademais, reforzáronse as medidas de seguridade ante o risco de que poida haber máis desprendementos. O Concello agarda que a zona poida quedar aberta ao longo do día.
O edificio en cuestión está situado á beira do colexio San José, polo que tamén se extremaron as precaucións para garantir o normal funcionamento do centro.
Desde o goberno municipal xa se puxeron en contacto co propietario do inmoble, que está colaborando cos servizos técnicos para analizar o seu estado.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.