Caldas de Reis, última parada da exposición "Camiños do Sur"

Pontevedra
18 de agosto 2022

A mostra, que impulsa a Deputación de Pontevedra no marco do proxecto europeo Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular, poderá visitarse ata o 22 de setembro na praza do Camiño do municipio caldense

Inauguran en Caldas a exposición "Camiños do Sur"
Inauguran en Caldas a exposición "Camiños do Sur"

Desde este xoves 18 de agosto e ata o 22  de setembro, a Deputación de Pontevedra amosa en Caldas a exposición itinerante “Camiños do Sur”, que impulsa no marco do proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular” para poñer en valor o patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas da provincia cara Compostela, en concreto o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa.

A praza do Camiño do concello caldense, inaugurada este xoves polo alcalde Juan Manuel Rey e o deputado Manuel González, é a última parada da mostra, despois do seu paso por Pontevedra, Baiona, Tui e Redondela.

“Camiños do Sur”, que pola noite alumeará a praza do Camiño a través dun cubo retroiluminado coa imaxe da mostra, inclúe un mapa de gran formato cos percorridos dos camiños de Santiago que proceden de Portugal e atravesan a provincia de Pontevedra. Tamén presenta, en diferentes taboleiros, información relativa ás paisaxes, as vilas e cidades, persoas e culturas a carón dos camiños, deténdose nos percorridos e datos históricos.

O obxectivo da proposta é enxalzar a súa natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico e social sostible que xeran.

O proxecto “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, no que se enmarca a exposición, conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cofinanciados polos fondos europeos FEDER ao 75 %, e busca impulsar o patrimonio do Camiño a través de infraestruturas nas vías cara a Compostela que atravesan o oeste da Península Ibérica como son o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa, a Vía da Prata ou o Camiño Portugués.