Caldas de Reis celebra o éxito das actividades do mundo de motor celebradas a fin de semana, e que congregaron por centos de persoas.
Esas actividades era a terceira edición da Papanoelada Moteira e a segunda exhibición de vehículos 4x4, incluídas ambas as dúas na programación de Nadal.
Superaron as dúas as expectativas de participación, segundo explica o tenente de alcalde, Manuel Fariña.
"Aínda que nos desbordou a asistencia, sorprendeunos moi gratamente que se xuntase tanta xente. A vindeira edición, en canto á organización e da man do motoclube Os Keimaos, incrementaremos os medios necesarios e pode que haxa tamén algunha sorpresa", asegura.
A Papanoelada partiu da parte traseira do Mercado Municipal cun número récord de participantes vestidos de Papá Noel, multiplicando en importante medida edicións anteriores.
A comitiva percorreu aproximadamente 40 quilómetros pasando por Bemil, Paradela, Catoira, Bamio, Vilagarcía, Godos, Portas, Arcos e Eirín antes de finalizar en Caldas de Reis, onde esperaba unha chocolatada e roscón para celebrar a xornada.
Pola súa banda a exhibición de vehículos 4x4 congregou numeroso público na parcela de Rabexe para presenciar as demostracións de destreza e habilidade, cun espectáculo de acrobacias e manobras no circuíto habilitado que se prolongou durante horas.
A organización permitiu mesmo a participación a varios vehículos que chegaron doutras localidades sen formalizar inscrición previa, facendo que as súas entradas na pista fosen graduadas para garantir a seguridade.
Como broche, durante a xornada recolléronse centos de xoguetes nunha iniciativa solidaria.
"O que vivimos esta fin de semana é o reflexo dunha vila moi activa. Con este éxito ás nosas costas, dende o Concello de Caldas sentímonos entusiasmadas por continuar ofrecendo estes eventos", afirma Manuel Fariña sobre estas actividades.