Caldas e O Grove quéixanse dos colapsos nos centros de Atención Primaria

Umia
23 de outubro 2020
Actualizado: 17:35

O BNG de Caldas alerta de que non se reforzou o persoal nin os medios para a atención telefónica e os pacientes rematan asistindo aos Centros de Saúde para solicitar a cita previa. Indican que tamén se están a incrementar as listaxes de espera. No Concello do Grove ameazan con convocar novas protestas se non se dota ao centro de seis profesionais médicos para adultos

Centro de saúde do Grove PontevedraViva

Existe un gran malestar entre a poboación de diversos municipios das Rías Baixas debido á situación de colapso que se está experimentando nos centros de saúde de Atención Primaria. 

É o caso do BNG de Caldas onde alertan de que a Xunta decidiu restrinxir a asistencia presencial, reducindo as consultas e optando pola atención telefónica sen que se reforzasen nin os medios materiais nin ao persoal para atender telefonicamente aos pacientes no Centro de Saúde de Caldas. Isto supón que numerosas persoas fagan colas mesmo para pedir a cita telefónica.

Os nacionalistas critican tamén que a negativa do PP para cubrir as baixas e vacacións dos profesionais médicos creou problemas nunha situación na que se incrementaron as tarefas a estes mesmos profesionais co seguimento, funcións de rastrexo ou actividades de diagnóstico que se lle encargan a estes sanitarios.

Isto, segundo expoñen desde o BNG de Caldas, provoca que os pacientes teñan listas de espera de semanas para ser atendidos telefonicamente, hai pacientes crónicos  descompensados e persoal sanitario excedido de traballo. Reclaman á Consellería de Sanidade que reforce o sistema sanitario público, principalmente, nos servizos de Atención Primaria.

O GROVE

Tamén o Concello do Grove emitiu un comunicado para denunciar a situación do Centro de Saúde. Reitera, desta forma, as súas queixas por unha situación que consideran "lamentable e caótica".

Denuncian que desde xullo a ausencia de persoal médico fai inviable a correcta atención dos pacientes, chegando a quedar cun só médico para atender a toda a poboación. Unha vez que se buscou unha solución por parte da  Xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, volvéronse a repetir os problemas.

Alertan de que o luns, dos sete médicos de adultos que deberían traballar no Centro de Saúde, tan só estaban tres; tamén sucedeu o mesmo durante o martes, co agravante de que un dos facultativos só atende pacientes da súa cota, o que supón que os outros dous médicos se reparten as seis cotas restantes.

Tamén sinalan que non se reforzaron os medios técnicos nin humanos para atender consultas telefónicas e así, os pacientes chaman durante horas sen conseguir a cita. Desta forma, tamén ven obrigados a acudir ao Centro sanitario para solicitar unha cita, que normalmente conta cunha demora de ata 15 días, segundo denuncian desde o goberno local do Grove.

Desde o Concello denuncian a "total incompetencia da Xerencia" da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e ameazan coa convocatoria de novas protestas se continúa a falta de persoal e non se establece un mínimo de seis facultativos para adultos e non se reducen as esperas para obter unha consulta no Centro de Saúde.