O novo Fogar do Maior de Caldas de Reis xa ten data prevista de estrea. Será tras o verán, co comezo do curso 2025-2026.
Jacobo Pérez, alcalde de Caldas, confirmábao nunha visita ás instalacións acompañado da concelleira de Benestar Social e do Maior, Carmen Torres.
Trátase dun dos proxectos prioritarios, segundo o goberno local, para fortalecer a atención e benestar das persoas maiores do municipio.
O novo centro está situado no Camiño Sarnadela, nun punto céntrico da vila e con facilidades de aparcamento nas proximidades.
O local conta cunha superficie duns 900 metros cadrados, o que permitirá desenvolver actividades de forma cómoda e adaptada ás necesidades da poboación maior, segundo o Concello.
As obras avanzan a bo ritmo e, nestes momentos, céntranse na reforma dos aseos. Unha vez rematada esta fase, instalarase o mobiliario necesario para acondicionar o espazo. Segundo o alcalde, o equipamento será "axeitado e práctico, pensado para mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias".
ECOS DE CALDAS
Paralelamente á posta a punto do novo espazo, o Concello impulsa o proxecto ‘Ecos de Caldas’, unha iniciativa que convida ás persoas maiores a compartir e preservar a memoria colectiva.
A través deste programa, recóllense cantigas, refráns e expresións propias da tradición oral, coa intención de dixitalizar e arquivar este valioso patrimonio inmaterial.
A participación está aberta os martes e xoves pola mañá, acudindo ao Fogar do Maior ou a través dos teléfonos 986 540 523 ou 637 214 864.
O Concello destaca especialmente o papel das mulleres neste proxecto, que busca conectar xeracións e manter viva a identidade cultural de Caldas.
Ademais, o departamento de Benestar Social continúa coa súa programación habitual. Esta martes, ás 19.30 horas, terá lugar un taller sobre intelixencia emocional no Salón de Plenos do Concello.
Por outra banda, xa se prepara a festa de fin de curso, que se celebrará o venres 20 de xuño ás 20:00 horas no Centro Comarcal da Tafona. A cita incluirá entrega de diplomas, unha merenda e unha actuación musical para celebrar o remate dun curso que, segundo o goberno local, marca un novo impulso na atención ás persoas maiores do municipio.