Enquisas cidadás en Caldas para escoitar os maiores e atender as súas demandas

Umia
24 de abril 2025

O Concello pon en marcha un estudo para adaptar os servizos municipais ás necesidades reais das persoas da terceira idade

Actividade para maiores en Caldas de Reis
Actividade para maiores en Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O goberno local de Caldas de Reis decidíu facer unha aposta por unha vila máis inclusiva e adaptada ás necesidades das persoas maiores.

O Concello lanza estes días unha campaña informativa dirixida á poboación maior de 60 anos co obxectivo de coñecer en profundidade as súas necesidades e mellorar a súa calidade de vida.

A campaña centrarase nunha enquisa que chegará a centos de fogares de todas as parroquias do municipio.

Segundo explica o alcalde Jacobo Pérez, "queremos coñecer de primeira man as condicións de vida da nosa xente da terceira idade e estar ao tanto das súas necesidades reais".

Os cuestionarios, totalmente voluntarios e que respectan a normativa de protección de datos, recollen información sobre idade, xénero, saúde, benestar, vivenda, uso dos Servizos Sociais e coñecementos tecnolóxicos. Ademais, inclúen un apartado específico para que os participantes poidan achegar as súas propias suxestións.

O goberno local anima á cidadanía a participar nesta iniciativa que, en palabras do rexedor, "contribuirá a deseñar unha vila máis inclusiva, accesible e cómoda". Para facilitar a participación, as persoas interesadas poderán entregar as enquisas completadas no Fogar do Maior, nas dependencias de Servizos Sociais ou no despacho da traballadora social no Centro de Saúde.

Tamén existe a opción de cubrir o cuestionario en liña a través dunha ligazón nas redes sociais oficiais do Concello ou mediante un código QR.

Esta campaña informativa enmárcase nun conxunto de actuacións municipais orientadas a mellorar as infraestruturas e servizos para as persoas maiores. Entre estas iniciativas destacan a próxima inauguración do novo local do Fogar do Maior, "moito máis amplo e céntrico", e o desenvolvemento do Parque do Maior na Tafona, previstos para este mesmo ano.

O Concello fai tamén un chamamento ás familias para que axuden aos seus maiores a completar a enquisa, subliñando a importancia de contar coa máxima participación para adaptar as iniciativas municipais ás verdadeiras demandas da poboación maior do municipio.