Alumnado dos centros educativos CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente, La Encarnación e San Fermín de Caldas de Reis aumentaron nos últimos días os seus coñecementos sobre a reciclaxe.
Un técnico da empresa responsable da xestión dos composteiros no municipio impartiu unha serie de charlas sobre reciclaxe nos distintos centros educativos.
Ademais de falar da importancia de dar unha segunda vida a obxectos e materiais de refugallo, estes coloquios tamén se centraron en concienciar á rapazada dos beneficios que supón o uso do compost, un material natural que garante a boa saúde de cultivos e plantas e que evita a utilización de materiais químicos, ademais de supoñer tamén un aforro no custo do recibo do lixo.
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, participou nas actividades e valora positivamente o resultado das mesmas, que estaban adaptadas ás idades dos e das estudantes.
Así, destaca que "é importante que as novas xeracións teñan claro que o uso dos composteiros ou a correcta utilización dos recipientes de reciclaxe son prácticas indispensables que melloran a nosa calidade de vida e supoñen un beneficio enorme para a nosa contorna".
A través dun comunicado, tamén insiste en que os nenos e nenas "son os mellores transmisores destes conceptos nos seus fogares e ante os seus familiares".
O Concello de Caldas de Reis pon o foco no coidado do medio ambiente a través de diferentes accións. Unha delas ten que ver coa concienciación da sociedade sobre a importancia de respectar os espazos naturais.
O alcalde tamén salienta a boa acollida que tivo a charla celebrada a principios deste mes de abril no auditorio municipal sobre a necesidade de coidar e conservar os montes. Organizada pola Concellería de Benestar Social e Maiores, estaba pensada fundamentalmente para persoas da terceira idade, pero aberta ao público en xeral.