Caldas inaugura a nova pista multideporte da Tafona

Umia
23 de febreiro 2025

O recinto ten unhas dimensións de 20x10 metros e permite a práctica de deportes como o fútbol, balonmán, baloncesto ou voleibol

Inauguración da pista Multideporte da Tafona
Inauguración da pista Multideporte da Tafona

A concellaría de Deportes de Caldas de Reis estreou este sábado 22 de febreiro a nova pista multideportes da Tafona.

A inauguración, que debía realizarse o 8 de febreiro, atrasouse polos danos causados nas obras,  celebrouse por fin este fin de semana con torneos de partidos amistoso de baloncesto e voleibol nos que participaron decenas de nenos e nenas.

Entre eles estiveron os deportistas do club As Urracas e as persoas que xogan no pavillón municipal, substituíndo así o seu tradicional adestramento cuberto por actividade ao aire libre.

Segundo indicou o tenente de alcalde, Manuel Fariña, o recinto "moderno e polivalente" estará a disposición da veciñanza para que faga deporte de forma "cómoda e segura" ao aire libre.

O espazo conta cunha cancha de resina epoxídica sobre a base da actual, canastras, portarías, postes e unha rede central móbil de materiais antivandálicos que precisan case nulo mantemento.

A zona de xogo ten unhas dimensións de 20x10 metros e dispón dun peche perimetral dun metro de altura aberto polos fondos tras as portarías, por onde se entra.

Este novo equipamento permitirá a práctica de diferentes deportes, máis aló do fútbol, abríndose a outras modalidades como o balonmán, o baloncesto, o voleibol e outros deportes de rede.

O seu uso será público e gratuíto.

Pista Multideporte da Tafona
Pista Multideporte da TafonaConcello de Caldas de Reis
Manuel Fariña na inaguración da Pista multideporte da Tafona
Manuel Fariña na inaguración da Pista multideporte da TafonaConcello de Caldas de Reis
Pista Multideporte da Tafona en Caldas
Pista Multideporte da Tafona en CaldasConcello de Caldas de Reis
Escolares xogando na Pista multideporte da Tafona
Escolares xogando na Pista multideporte da TafonaConcello de Caldas de Reis