Caldas recibe centos de visitas no 'Fairway' ao ser a única vila termal do Camiño

Umia
03 de novembro 2023

A caseta municipal situada neste V Foro de profesionais do Camiño de Santiago puxo tamén en valor a carballeira, o xardín botánico, o roscón e o pan de manteiga e serviu de espazo de difusión para os negocios locais ligados coa ruta xacobea. O tenente de alcalde e responsable de Turismo, Manuel Fariña, destacou o interese amosado por parte dos profesionais e operadores do sector

Manuel Fariña, tenente de alcalde e concelleiro de Turismo de Caldas, no Fairway Concello de Caldas de Reis

Coa conclusión de Fairway, o V Foro de profesionais do Camiño de Santiago, o Concello de Caldas de Reis realiza unha avaliación moi positiva da participación nesta cita turística ao recibir centos de visitas e establecer contactos con operadores e profesionais do sector para promover a vila.

Manuel Fariña, tenente de alcalde e responsable de Turismo no Concello, amosouse moi satisfeito polo resultado desta participación e destacou que Caldas se diferenciou do resto de municipios e entidades asistentes ao Foro por tratarse da única vila termal dentro do Camiño. Esta singularidade ofrece diferentes potencialidades para os actores turísticos.

Desta forma, Fariña indicou que Caldas será obxecto de novos paquetes turísticos de axencias e operadores do sector. Tamén se rexistraron visitas directas por parte das empresas de viaxes a Caldas para concretar programas e actividades inmediatas.

O Concello presentou na feira un punto de información e traballo cunha gran imaxe mural de Caldas na que o río figuraba como principal foco de atención. 

Ademais da importancia das termas, Caldas presentou á Carballeira declarada Ben de Interese Cultural en Galicia; o xardín botánico, a arte rupestre, o patrimonio natural e determinados elementos gastronómicos como a rosca ou o "pan de manteiga", ofrecendo degustación aos asistentes.