"Intensas e as máis multitudinarias da historia en Caldas. As festas de agosto deste ano foron apoteósicas". Así valorou a semana grande das festas de Caldas de Reis o tenente de alcalde Manuel Fariña.
Segundo os seus cálculos o medio centenar de actos organizados polo Concello, principalmente os concertos e as verbenas, reuniron ao redor de 80.000 persoas na vila ata conseguir un "cheo total".
Fariña destacou que a participación foi "masiva" en todas e cada unha das citas propostas "a calquera hora do día", desde o pregón e a Feira Tradicional ata os fogos de artificio.
"Celebramos, convivimos e gozamos das nosas festas dunha maneira totalmente exemplar", sinalou Fariña que destacou que "o Concello fixo o esforzo de traer espectáculos potentes e de calidade e a resposta non puido ser mellor".
O nacionalista mostrouse satisfeito pola "excelente acollida" dos eventos deste ano, deseñados para todos os públicos.

O concelleiro subliñou que ante a previsible avalancha de público o Concello tivo que cambiar a súa decisión inicial de facer os concertos no patio do Colexio da Encarnación, levándoos á Carballeira, onde había unha maior capacidade.
"A decisión do traslado, coidando ao máximo a protección do espazo natural, foi totalmente correcta porque enchemos ata a bandeira", sinala, lembrando que en breve iniciarase a rehabilitación integral do xardín e a carballeira.
A elección de artistas para os concertos e das orquestras para as verbenas "tamén foi un acerto pleno", segundo o responsable municipal, xa que Guadi Gallego, a Banda Municipal xunto a Ortiga, Loita Amada e Dakidarría xunto coa Panorama, Combo Dominicano, Gran Parada, Ardores, Dr. Slump Banda, América de Vigo e a discoteca móbil ‘Euphoria’ "serviron para atender todos os gustos musicais e para atraer non só xente da comarca, senón tamén de fóra".
"O movemento económico que xeramos foi espectacular, non cabía máis xente en Caldas", sostén Fariña.
Finalmente, como cada ano, o edil do BNG agradeceu o traballo que realizaron todas as persoas que participaron na organización dos festexos.