Caldas saca a concurso as obras para converter á Carballeira e o Xardín botánico nun 'Museo 24/7'

Umia
15 de xullo 2025
Actualizado: 16:10

Manuel Fariña explica que o deseño da musealización e a planificación da experiencia turística está a piques de adxudicarse e redactaranse á vez que se fai a mellora de especies e instalacións

Carballeira de Caldas
Carballeira de Caldas / Concello de Caldas de Reis

Xa está aberta a licitación das obras do proxecto de rehabilitación integral da Carballeira e o Xardín Botánico para convertelos nun 'Museo aberto 24/7'

Este proxecto de rehabilitación integral e restauración do espazo natural, sae a concurso por máis de 809.000 euros.

Os traballos proxectados consisten principalmente na rehabilitación das especies vexetais, formacións e composicións botánicas, a mellora e adaptación de instalacións e equipamentos, así como a recuperación do patrimonio natural e cultural. Estas actuacións de mellora sumaranse á musealización do espazo e á planificación da experiencia turística, cuxo deseño se vai adxudicar tamén de maneira inminente nos vindeiros días.

O tenente de alcalde Manuel Fariña explicou que o actual proxecto de mellora da Carballeira e o Xardín Botánico redactouse en base ao Plan director existente dende 2019, que marcou as bases para unha xestión racional e sustentable. Suporá un acondicionamento integral dende un enfoque múltiple para recuperar a esencia do espazo singular, mellorando o seu atractivo e ofrecendo á veciñanza un valor engadido tendo en conta o seu valor histórico e patrimonial.

Entre as obras a realizar definidas polo arquitecto de paisaxe Pedro Calaza está a mellora da biodiversidade, incorporando novas especies e reforzando máis exemplares de outras existentes. Eliminaranse  especies invasoras, recuperaranse as aliñacións coa estrutura orixinal do espazo, farase un tratamento para mellora a calidade cromática e escénica, crearanse composicións de bosquetes densos e laxos para recuperar o aspecto primixenio, así como estudos biomecánicos e fitosanitarios en exemplares particulares. Tamén se mellorará o solo para garantir un bo desenvolvemento das árbores e especies existentes.

No caso das instalacións e equipamentos, haberá actuacións de mellora de pavimentos, e mobiliario, así como tamén das instalacións (bocas de rego, puntos de luz...), entre outras, instalando paneis explicativos con información relevante e de posta en valor do patrimonio natural e cultural.

O prazo de execución destes traballos é de sete meses dende o inicio da obra, que podería empezar cara a finais de verán se non se complican os trámites administrativos. Neste sentido, o tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que o goberno de Caldas está a traballar de maneira “exemplar” na tramitación e xestión dos fondos recibidos, poñendo en marcha todas as licitacións en tempo e forma.

O proxecto ‘Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7’ conta cunha subvención de 1,4 millóns de euros dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Industria.

Manuel Fariña, tenente de alcalde de Caldas de Reis
Manuel Fariña, tenente de alcalde de Caldas de Reis

Esta axuda repartirase en oito epígrafes: a restauración integral do BIC (que agora está en licitación), o deseño dun proxecto turístico cunha boa musealización, a monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente, a apertura dun centro de visitantes, o deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, a instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, a implantación dun sistema de xestión e, finalmente, tamén á posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social.

Fariña lembrou que o Concello xa sacou a concurso a planificación da experiencia turística e os detalles museográficos do espazo a finais de maio. O deseño desa parte do traballo estará adxudicado nos vindeiros días e será de vital importancia, xa que esa asistencia técnica sentará as bases “conceptuais e técnicas” para garantir a coherencia en todos os aspectos da experiencia turística, da musealización e dos contidos culturais.

A intención do tenente de alcalde Manuel Fariña é que mentres se desenvolve ese traballo “intelectual e creativo” de como debe ser o aproveitamento museístico da Carballeira, se vaian realizando xa e de maneira paralela os traballos botánicos básicos necesarios de reposición de especies e de mellora de instalacións, co fin de adiantar prazos.