Caldas de Reis activa unha nova edición da campaña solidaria 'Únete e Comparte'

Umia
09 de decembro 2025

A iniciativa, que xa supera a década de traxectoria, converte á veciñanza en protagonista a través das súas doazóns de alimentos non perecedoiros

Iluminación de Nadal Caldas Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis puxo en marcha unha nova edición da campaña solidaria 'Únete e Comparte', destinada a recoller alimentos e produtos de primeira necesidade para as familias do municipio que atravesan situacións de vulnerabilidade económica.

A iniciativa, que xa supera a década de traxectoria, converte á veciñanza en protagonista a través das súas doazóns de alimentos non perecedoiros, depositados nos diferentes puntos de recollida habilitados pola administración local. Unha vez rematado o período de entrega, a Concellería de Benestar Social será a encargada de organizar o reparto entre os fogares con menos recursos.

O alcalde, Jacobo Pérez, salientou a resposta solidaria que a campaña recibe cada ano xa que desde que se puxo en marcha "sempre foi un éxito" en cantidades recollidas, "o que demostra que Caldas de Reis é unha vila solidaria". "Estamos convencidos de que este ano volverá ser así", apuntou.

A campaña permanecerá activa ata o xoves 18 de decembro, e os puntos de recollida inclúen os centros educativos de Caldas de Reis, o CRA, o novo Fogar do Maior, a Escola Infantil Trebellos, o Centro Ocupacional do Saiar, a Escola de Música, a Casa Consistorial, a Biblioteca Municipal, o Mercado de Abastos e a igrexa parroquial de San Andrés.

O rexedor apelou á participación cidadá lembrando que "se cada un de nós achega un quilo, unha lata ou un litro de calquera produto de primeira necesidade, estará axudando a que moitas familias poidan pasar un mellor Nadal".

En edicións anteriores chegouse a reunir preto de dúas toneladas de alimentos, unha marca que o goberno local confía en superar.

"O mellor agasallo de Nadal para moita xente é a nosa solidariedade", concluíu Pérez.