Caldas de Reis vivirá o vindeiro 13 de decembro unha xornada cargada de adrenalina. A tradicional papanoelada moteira, que debía celebrarse este sábado pero foi aprazada pola alerta amarela por choiva, compartirá data coa exhibición de vehículos 4x4 prevista en Rabexe. "Será un día único para as persoas amantes do motor", adiantou o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen explicou que a coincidencia de eventos pretende garantir a seguridade e, ao mesmo tempo, ofrecer un auténtico "festín motorizado".
A decisión de retrasar a saída das motos tomouse tras coñecerse a previsión de fortes acumulacións de auga nas estradas. En coordinación coa peña Os Keimaos, o Concello optou por mover a data ao sábado 13, cando non se agardan chuvias. Ese día, as motos percorrerán polas parroquias de Caldas, Catoira e Vilagarcía nun paseo nocturno que rematará cun clásico chocolate con churros.
Ao longo de toda a xornada estará operativo o circuíto de 4x4 en Rabexe, deseñado especialmente para a ocasión con subidas de grande dificultade, foxos, troncos e outros obstáculos que porán a proba a pericia dos pilotos. O espazo contará con tramos sinalizados por niveis para que cada quen escolla o percorrido máis axeitado ás súas habilidades. A inscrición continúa aberta e agárdase superar o número de participantes do ano pasado, con presenza de todoterreos tradicionais, vehículos modificados tipo semi monster truck, buggies e quads. O recinto disporá ademais de zona de restauración e xantar baixo carpa (20 euros), así como un amplo aparcadoiro. Para máis información, pode contactarse no 678 036 078.
CONCURSO DE DECORACIÓN
Outra das propostas que xa está en marcha é a terceira edición do Concurso de Decoración do Nadal, coa que o Concello anima á veciñanza e ao tecido comercial a engalanar rúas, prazas, fachadas e escaparates. O obxectivo, segundo destacou Fariña, é "vestir Caldas cun aspecto máxico e orixinal da man da nosa xente".
A participación está aberta a particulares, comercios e comisións veciñais, e o xurado valorará a creatividade, o uso de materiais da zona, a recuperación de elementos tradicionais e a incorporación de materiais reutilizados. O Concello facilitará recursos materiais cun crédito máximo de 2.000 euros.
As solicitudes poden presentarse ata o luns día 8, xunto cunha memoria descritiva da proposta. O certame reparte 600 euros en premios: 300 para o primeiro posto, 200 para o segundo e 100 para o terceiro, ademais de trofeos e diplomas. As creacións deberán permanecer expostas entre o 10 de decembro e o 6 de xaneiro. Fariña anima a toda a cidadanía a "percorrer rúas e parroquias para descubrir cada unha das enxeñosas iniciativas".
CAMPAMENTO DE NADAL
Pensando na conciliación familiar durante as vacacións, o Concello impulsa este ano o Campamento de Nadal "Saúde Dixital", dirixido a mozos de 7 a 14 anos. A iniciativa desenvolverase do 22 de decembro ao 7 de xaneiro na planta baixa do Local de Música. O prazo de inscrición abrirase o martes 9 de decembro na Casa Consistorial.
O alcalde Jacobo Pérez explicou que o campamento, organizado coa colaboración da Xunta, o Goberno central e fondos europeos, busca ofrecer actividades lúdicas mentres se traballan competencias clave para un uso responsable das novas tecnoloxías. As sesións incluirán nocións de seguridade na rede, aprendizaxe para crear "escudos dixitais", bo uso dos dispositivos móbiles e pautas para unha vida dixital equilibrada.
"Garantir unha conciliación de calidade é unha prioridade", subliñou Pérez, lembrando que iniciativas similares contan cunha alta participación noutras épocas do ano, como a ludoteca de verán, que supera habitualmente os 200 inscritos.