A 'tardeboa' animára a tarde do 24 de decembro en Caldas coa música de La Duendeneta

Umia
02 de decembro 2025
Actualizado: 14:50

Será a novidade especial da programación festiva deste ano, unha versión do xa coñecido e habitual ‘tardeo’ a partir das 17.00 horas na Carpa de Nadal que se instalará nas Palmeiras

Aceso da iluminación de Nadal en Caldas
Aceso da iluminación de Nadal en Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Nadal de Caldas de Reis sumará este ano unha nova cita na programación, a festa de ‘Tardeboa’, unha versión do xa coñecido e habitual ‘tardeo’.

A cita está prevista para a tarde do 24 de decembro na Carpa de Nadal que se instalará nas Palmeiras a partir das 17.00 horas e estará amenizada coa música de ‘La Duendeneta’,

O tenente de alcalde de Caldas, Manuel Fariña, explicou que tiveron a idea de organizar esta festa porque, "cada vez máis, aprovéitanse as tardes das datas sinaladas para estar con xente próxima antes da cea na casa".

Esta novidade na axenda súmase ao xa tradicional programa de Nadal organizado dende a Concellería de Festas, que inclúe actividades practicamente todos os días das festas, entre este sábado 6 de decembro e o vindeiro 5 de xaneiro

O calendario, tras o acendido das luces do pasado 28, volverá retomarse o sábado 6 coa Papanoelada moteira que xa cumpre a súa terceira edición  da man da peña moteira ‘Os Keimaos’. As motos da comarca farán un percorrido que pasará non só polas parroquias, senón tamén por Catoira e Vilagarcía, finalizando cun chocolate con churros para todas e todos os participantes.

Os días 7 e 8 realizarase o acendido do Nadal na Praza da Constitución e na Rúa Souto de María López, ás 20.00 e ás 19.00 horas, respectivamente, amosando o traballo de decoración e alumeado deseñados polas propias veciñas e veciños deses barrios, que completan a ornamentación instalada dende o Concello. 

Outra das propostas que volve organizarse despois da boa acollida das edicións anteriores será o ‘Choconadal’ polas parroquias, unhas xornadas de convivencia, chocolate e rosca que comezarán o día 9 en San Andrés, e seguirán o día 10 en Santa María, o 11 en Godos, o 16 en San Clemente, o 17 en Bemil, o 18 en Carracedo, o 19 en Saiar, o e o 20 en Arcos. Todas as citas son ás sete da tarde.

As actividades e obradoiros de manualidades propios do Nadal comezarán o venres día 12 na biblioteca (18 horas) cun taller de adobíos. Xa no mes de xaneiro, destinados a público infantil, organizaranse obradoiros no auditorio ás cinco da tarde para a preparación da cabalgata, para os que será precisa inscrición previa. 

A música volverá ser outro dos ingredientes principais das festas. Están organizadas audicións de Nadal na Escola Municipal de Música para o día 15, 16, o 17 e o 18 ás seis e media da tarde no auditorio, así como tamén un concerto da Banda de Música e a Coral Polifónica na igrexa de Santo Tomé o día 29 ás oito menos cuarto da noite.

A Festa de Santa Lucía en Arcos terá a súa correspondente celebración o día 13. 

A xornada do 23, Papá Noel estará na praza Sesto Casal de 16 a 20 horas, e no día 24 pola mañá na mesma localización entre as once e as dúas da tarde.

A quenda do Apalpador, tamén na praza de Sesto Casal, será o día 27 entre as 11 e as 14 horas.

O día 30, xornada previa de Fin de Ano, celebraranse as ‘Badaladas Miúdas’, unha festa infantil que contará con Peter Punk e o DJ Álex Pita (dende as seis da tarde na Carpa do Nadal).

Tamén terán Baile de Nadal as persoas maiores, organizado polo Fogar do Maior.

O deporte será parte tamén do Nadal caldense, cun Torneo de Salvamento na piscina pública ‘Antía García Silva’ o día 3 de xaneiro.

A programación pechará o día 5 coa Gran Cabalgata de Reis, que comezará ás cinco da tarde. 

Arquivado en