Caldas retira as plantas exóticas invasoras na contorna do Umia

Umia
23 de marzo 2021

Este martes remataban os traballos para eliminar as plantas exóticas e invasoras nas marxes do tramo urbano do río Umia, ao seu paso por Caldas de Reis, na ponte da Ferrería da N-550, na Casa do Concello e na marxe dereita do río entre o Muíño e o Xardín Botánico

Retirada de especies exóticas e invasoras en Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

Este martes remataban os traballos para eliminar as plantas exóticas e invasoras nas marxes do tramo urbano do río Umia, ao seu paso por Caldas de Reis, na ponte da Ferrería da N-550, na Casa do Concello e na marxe dereita do río entre o Muíño e o Xardín Botánico.

A presenza de especies invasoras fora colonizando as marxes e impedía o normal desenvolvemento de especies herbáceas, arbóreas e arbustivas autóctonas, provocando un desequilibrio no ecosistema fluvial.

O Concello de Caldas de Reis informa que as actuacións de mellora ambiental consistiron na limpeza e eliminación de especies invasoras, a roza selectiva de vexetación arbustiva con medios manuais, así como as podas necesarias e retirada de restos de ramaxe ou árbores mortas.

Algunhas das especies eliminadas están incluídas no 'Catálogo español de especies exóticas invasoras', como o caso da Acacia melanoxylum, a Tradescantia fluminensis ou a Ipomea indica. Outras son especies alleas ao ecosistema fluvial do Umia e poden competir coas propias do mesmo, polo que se considerou conveniente a súa eliminación. Trátase de exemplares de Bidens sp, Delairea odorata, Crocosmia x crocosmiflora, Erigeron karvinskianus, Persicaria capitata, Phytolacca americana e Delairea odorata.

O Concello de Caldas investiu nesta actuación preto de seis mil euros do seu orzamento, á espera da resposta á solicitude dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia dedicado á conservación, reposición e restauración do ambiente. Os traballos foron realizados pola empresa Copasa a partir do proxecto redactado polo enxeñeiro agrícola José Recamán, quen tamén dirixiu a súa execución.

O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, destaca que "con esta actuación ordenada e planificada tecnicamente melloramos o ecosistema fluvial do Umia no seu tramo urbano, eliminamos as especies exóticas e invasoras e potenciamos o desenvolvemento das especies autóctonas. Ao mesmo tempo poñemos en valor a ponte da Ferrería e o edificio do Concello, que será obxecto dun proxecto de restauración das súas fachadas para evitar o crecemento de vexetación nos propios paramentos".

Pola súa banda, o alcalde Juan Manuel Rey destacou o compromiso do Concello coa protección da biodiversidade e a conservación dos ecosistemas fluviais, sinalando que "esta actuación forma parte do recoñecemento de Caldas no certame de Vilas en Flor que ten unha compoñente importante na posta en valor e a integración da vexetación na paisaxe urbana e fluvial".