Os peregrinos regresan ás rúas de Caldas de Reis tras a rapertura oficial do Camiño de Santiago o pasado 1 de xullo.
Segundo informan dende o Concello, a vila agárdaos con practicamente o 100% dos hoteis, albergues e outros aloxamentos abertos e coa aplicación de todos os protocolos de seguridade fronte á covid-19. "O sector está totalmente centrado en ofrecerlles a máxima seguridade aos visitantes", explica José Castro, vicepresidente da Asociación de Empresarios da Hostalería de Caldas de Reis e xerente do Hotel Pousada Real.
Castro sinala tamén que Caldas de Reis é un destino seguro para o visitante, onde todos os establecementos se tomaron moi en serio os protocolos de seguridade e adoptaron as recomendacións de apertura que implican o aforo limitado ao 75%, as distancias de seguridade e hixiene, ou os procedementos continuos de desinfección, mercando incluso máquinas difusoras especiais que garanten a máxima efectividade fronte o virus.
O Camiño Portugués, ao seu paso por Caldas, comezou a notar a presenza de romeiros durante esta semana, tras reabrírense as rutas xacobeas de xeito oficial. Aínda que as cifras actuais distan moito das de anos anteriores, onde nos meses de xullo se rexistraban máis de 1.000 camiñantes diarios, dende o sector son optimistas de cara a súa pronta recuperación.
"Estes primeiros días estivemos a niveis de paso similares aos que se poden producir nos meses de febreiro ou marzo, pero as previsións indican que xullo acabará sendo un mes aceptable e que agosto pode ser bo", indica José Castro. O hostaleiro apunta que "se botan de menos os peregrinos estranxeiros pero que se están comezando a recibir bos niveis de peregrinos nacionais e galegos".
Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Rey, puxo en valor o esforzo dos hostaleiros de Caldas de Reis "para que os peregrinos que volvan á nosa vila poidan facelo coas máximas garantías posibles". Nesta liña destacou a súa satisfacción polo regreso dos visitantes e afirmou agardar "a pronta recuperación do Camiño de Santiago como foco estratéxico e fundamental para a dinamización da economía local".
Finalmente, lembrou a importante colaboración do Concello de Caldas de Reis co sector da hostalería ao longo da pandemia e da desescalada a través de medidas como a distribución de elementos de protección, hixiene e seguridade.