Caldelas Tapas superou as 6.000 unidades vendidas e xerou un movemento económico de 15.000 euros

Ponte Caldelas
30 de xullo 2016

Nesta última xornada da segunda edición do certame creado polo Concello para dinamizar a hostalería local, a noite estivo animada polo grupo de música tradicional 'Nós tamén imos'. Ademais, como xa ocorrera nos venres anteriores, varios locais acabaron co produto en torno á medianoite  

Clientes de Caldelas Tapas Concello de Ponte Caldelas

O certame gastronómico Caldelas Tapas chegou á súa fin na noite deste venres deixando atrás un balance de máis de 6.000 unidades vendidas ao longo de cinco semanas e deixando na hostalería local de Ponte Caldelas un movemento económico que supera os 15.000 euros.

As cifras facilitounas este sábado o Concello de Ponte Caldelas a través dun comunicado no que tamén informou de que o alcalde, Andrés Díaz, acompañado por varios concelleiros dos tres grupos que integran o goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) estiveron este venres na última xornada de Caldelas Tapas e gozaron das pequenas creacións culinarias nos locais participantes. 

Nesta última xornada da segunda edición do certame creado polo Concello para dinamizar a hostalería local, a noite estivo animada polo grupo de música tradicional 'Nós tamén imos'. Ademais, como xa ocorrera nos venres anteriores, varios locais acabaron co produto en torno á medianoite, corroborando así o éxito do concurso. 

Segundo informou o Concello, apreciouse a presenza de moita xente chegada dos municipios próximos, como Pontevedra, Cotobade, A Lama, Fornelos e Soutomaior, que non quixeron perder a última oportunidade de saborear estes minipratos que, con bebida incluída, ofertábanse a 2,50 euros.

Durante a próxima semana recolleranse as urnas de votación nos 13 locais participantes e computaranse as puntuacións  emitidas polo público ao longo deste mes. A continuación, informarase do local gañador desta segunda edición  e sortearase o cliente gañador do vale de 100 euros para compras no comercio local.