A Xunta Local de Seguridade de Cambados deu este xoves o visto bó ao dispositivo especial que se despregará con motivo da LXXIV Festa do Albariño, prevista entre o 29 de xullo e o 2 de agosto.
O operativo contará coa participación da Garda Civil, a Policía Local, Protección Civil, os servizos sanitarios e o resto de organismos implicados, co obxectivo de garantir a seguridade durante unha celebración para a que se prevé a asistencia de máis de 200.000 persoas.
A reunión estivo copresidida polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e o alcalde de Cambados, Samuel Lago, e contou con representantes da Dirección Xeral de Tráfico, a Policía Nacional (Unidade Adscrita de Galicia), o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, o Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Emerxencias e o Servizo Municipal de Protección Civil, entre outros.
Ademais de planificar o operativo para a principal cita festiva do municipio, a Xunta Local de Seguridade analizou a evolución da delincuencia en Cambados.
Segundo os datos presentados, a criminalidade descendeu un 7,86 % durante 2025 con respecto ao ano anterior. A tendencia acentúase nos primeiros cinco meses de 2026, período no que as infraccións penais rexistradas reducíronse un 28,3 % en comparación co mesmo intervalo do ano pasado.
Os datos reflicten tamén un descenso do 21,6 % nos delitos graves e menos graves coñecidos, mentres que os delitos contra o patrimonio caeron por encima do 30 %. Ao mesmo tempo, as infraccións esclarecidas mantéñense estables, cun lixeiro incremento do 1 %.
Un dos aspectos abordados durante a reunión foi o peso crecente da ciberdelincuencia. Na actualidade, aproximadamente un de cada tres delitos rexistrados no municipio corresponde a este ámbito, aínda que cerca do 44 % dos casos coñecidos logran esclarecerse, segundo a información facilitada durante o encontro.
En materia de violencia de xénero, o sistema VioXén mantén activos 38 casos en Cambados, que continúan baixo seguimento das forzas e corpos de seguridade.
A Xunta Local tamén fixo balance do desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos. Durante o último curso escolar impartíronse 31 actividades formativas nas que participaron 762 estudantes e 62 docentes de centros do municipio.
As sesións abordaron cuestións como o acoso escolar, os delitos de odio, a ciberseguridad, a seguridade viaria e a violencia de xénero. Ademais, realizáronse seis entrevistas individualizadas con membros da comunidade educativa para atender situacións específicas de carácter preventivo.
Por outra banda, o subdelegado do Goberno recibiu este venres xunto ao coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, aos catro axentes da Garda Nacional Republicana (GNR) de Portugal que este verán patrullarán xunto á Garda Civil no marco do Plan Turismo Seguro.
Estes efectivos prestarán servizo en Pontevedra, Sanxenxo, Baiona e Tui para atender a visitantes portugueses e apoiar a atención aos peregrinos do Camiño de Santiago.