Cambios de sentido en Palamios e o ámbito da desembocadura do Gafos

Pontevedra
01 de agosto 2014

O Concello de Pontevedra realizará unha serie de cambios na circulación de varias rúas da zona suroeste da cidade. O máis rechamante producirase na rúa Palamios. O goberno municipal decidiu facer definitivo a modificación que se produce nesa zona todos os anos con motivo das Festas da Peregrina

Cambios de circulación no ámbito de San Roque e Palamios
Cambios de circulación no ámbito de San Roque e Palamios / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra realizará unha serie de cambios na circulación de varias rúas da zona suroeste da cidade. O máis rechamante producirase na rúa Palamios. O goberno municipal decidiu facer definitivo a modificación que se produce nesa zona todos os anos con motivo das Festas da Peregrina.

Co corte de Raíña Vitoria, elimínase o habitual dobre sentido. Non se pode circular dende Rosalía de Castro en dirección á desembocadura do Gafos e as Corbaceiras, para permitir que os condutores que chegan dende San Roque ou a Ponte da Barca poidan acceder ata o centro urbano por Palamios e Campolongo.

A partir de agora ese cambio farase definitivo, ante os problemas de seguridade detectados en Palamios ao ser unha rúa estreita e aceptar o dobre sentido.

Ademais, na rúa denominada como Ribeira dos Peiraos, situada na desembocadura do río dos Gafos tamén produciranse cambios na circulación rodada. Inverterase o seu sentido e agora circularase en sentido cara á rúa Palamios.

Na rúa paralela, na marxe esquerda do río, onde está a sede da confraría de pescadores San Telmo suprimirase o dobre sentido. Por ela só se poderá circular para saír á Avenida de Marín. Segundo Bará, á espera dunha reforma urbana "máis ampla", suprimiranse tamén os aparcadoiros que están pegados ao río e manteranse as prazas que están situadas ás portas dos edificios.

Nun futuro, o Concello de Pontevedra pretende habilitar unha nova varanda protectora para o río Gafos en toda esta zona.

Con todos estes cambios, abertos a modificacións posteriores se se detectan disfuncións, o goberno municipal espera que se mellore toda a mobilidade nunha zona que, recoñecen, "non está ben tratada".