Cambios na circulación do Gorgullón dende este luns

Pontevedra
23 de febreiro 2020

A rúa pecharase con morróns á altura da peonalizada rúa do Muíño. A medida trata de evitar os tráficos de paso detectados despois da súa transformación

Rúa Gorgullón PontevedraViva

O Concello de Pontevedra cambiará a circulación do tráfico na rúa Gorgullón dende este luns 24 de febreiro ás 08.00 horas. O propósito é evitar o tráfico de paso para fuxir da rúa Eduardo Pondal, segundo informou o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, que asegurou que a iniciativa foi acordada coa asociación de veciños.

A proposta definitiva pasa por evitar os tráficos dende un extremo a outro da rúa.

No primeiro tramo, entre a avenida da Estación e a recén peonalizada rúa do Muíño, os vehículos poderán entrar polo Gorgullón e saír polo primeiro tramo da rúa da Moa.

No segundo tramo de Gorgullón, os vehículos poderán entrar pola avenida Eduardo Pondal, e saír por Gorgullón cara a rotonda de Uxío Novoneira. As rúas Curtidoira e Pedro Sarmiento de Gamboa tamén confluirán no Gorgullón para saír pola citada rotonda. A circulación dentro da praza da Curtidoira continuará igual que até o de agora.

Demetrio Gómez explicou que este plan de mobilidade rodada partiu de manter o sentido do tránsito peonil de fóra a dentro da cidade, seguindo o trazado do Camiño de Santiago.

O Concello fixo unha campaña informativa nos portais e entradas de garaxe das rúas afectadas, para que a veciñanza estivesen ao corrente dos cambios que se porán en marcha dende o luns.