Cambios puntuais de tráfico polo asfaltado de Oliva, Augusto González Besada e Augusto García Sánchez

Pontevedra
20 de xaneiro 2015

Comezarán ás oito e media da mañá do mércores pola rúa Oliva, á altura do número 33 e continuarán, sucesivamente, polas rúas Augusto González Besada e Augusto García Sánchez, no ámbito da Praza de Galicia

Praza de San Xosé, Pontevedra
Praza de San Xosé, Pontevedra / Concello de Pontevedra

Unha serie de traballos de asfaltado nas rúas Oliva, Augusto González Besada e Augusto García Sánchez provocarán nos próximos días cambios na mobilidade do tráfico nesta zona. As obras están previstas para o mércores 21 e o xoves 22 de xaneiro.

Comezarán ás oito e media da mañá do mércores pola rúa Oliva, á altura do número 33 e continuarán, sucesivamente, polas rúas Augusto González Besada e Augusto García Sánchez, no ámbito da Praza de Galicia.

O operativo de mobilidade dividirase en cinco fases, que se irán aplicando a medida que vaian avanzando os traballos. Toda a zona estará sinalizada para desviar a circulación e garantir a mobilidade por esta área da cidade.

Nunha primeira fase, cortarase ao tráfico a rúa Oliva, polo que a entrada e saída aos garaxes e servizos da zona terá que facerse polo mesmo vial, Andrés Muruais e García Camba. Posteriormente, tras cortarse Augusto González Besada -a cuxos garaxes se accederá pola Praza de Galicia-, investirase o sentido no primeiro tramo de Riestra, para que os vehículos procedentes da Oliva poidan saír por Pastor Díaz e Paseo de Cervantes.

Cando os traballos cheguen ao tramo final de González Besada, cortarase ao tráfico a partir do Hotel Comercio e inverterase o sentido de circulación da rúa San José en dirección a Augusto García Sánchez. A continuación cortarase un dos sentidos de circulación entre a Praza de Galicia e a rotonda situada nas inmediacións da Praza da Constitución, polo que a circulación se alternará entre os dous durante a duración das obras.

Ademais, prohibirase o estacionamento de vehículos na rúa Augusto García Sánchez.

Nun principio, está previsto que o mércores se proceda ao fresado das rúas e o xoves ao asfaltado.