O Camiño Escolar Seguro chega a Sanxenxo cun plan piloto no colexio A Florida

Sanxenxo
06 de febreiro 2025

A idea é implantalo esta primavera para fomentar a mobilidade infantil para o alumnado que viva a menos de 2 quilómetros do centro. O Concello presentou o proxecto á ANPA

Presentación do Camiño Escolar Seguro para o colexio A Florida
Presentación do Camiño Escolar Seguro para o colexio A Florida / Concello de Sanxenxo

Un proxecto piloto permitirá habilitar na primavera o primeiro Camiño Escolar Seguro de Sanxenxo, neste caso, para permitir ao alumnado acudir a pé ao colexio A Florida

Os concelleiros de Educación e Seguridade Cidadá, Nati Parada e Xoán Pérez, presentaron o proxecto este xoves ante a asociación de nais e pais (ANPA). Estiveron acompañados polo policía local Abelardo Martínez, experto en seguridade viaria.

O obxectivo é crear contornas escolares máis seguras e con menos vehículos particulares, así como facilitar a autonomía e favorecer a socialización.

O Concello realizou un estudo das direccións das familias usuarias do colexio da Florida e habilitou tres itinerarios que abarcan aproximadamente o 70% do alumnado que vive a menos de dous quilómetros do colexio e que, en moitos casos, non dispoñen do servizo de bus.

O primeiro dos itinerarios arrincaría no cruzamento entre a Rúa Ourense e a Rúa Progreso para continuar até a marquesiña que se sitúa ao final da rúa, que se habilitará como punto de encontro, cos outros dous itinerarios. A partir de aí, continuaríase polas rúas Emilia Pardo Bazán, Poetas Galegos e Ricardo Santos.

O segundo itinerario sairía de Rúa Madrid, porta do Concello, para seguir por Viña da Fonte, Cesteiros e Progreso até chegar ao momento de encontro.

O terceiro sairía de Carabuxeira número 60, continúa por Avenida de León e conclúe en Rúa Progreso, no punto de encontro onde se partiría para o centro educativo.

Durante o inicio e o arranque das rutas seguras, está previsto que un axente da Policía Local acompañe os escolares para que aprendan por onde e como deben camiñar de forma segura para chegar ao colexio.

Ademais, habilitaranse puntos de axuda en establecementos comerciais que estean nos percorridos para que os escolares se necesitan poidan acudir a pedir axuda.

A asociación de pais e nais pediu que se estudase a posibilidade de habilitar outros itinerarios cos que completar o 30% do cociente de alumnado que quedaría por cubrir neste plan piloto.