Activada unha campaña extraordinaria de vacinación contra a gripe para persoas de 60 a 69 anos

Pontevedra
24 de novembro 2025

A medida desenvolverase a vindeira fin de semana, cun sistema de citación por SMS e horarios ampliados para a vacinación nos hospitais

Inicio da campaña de vacinación 2025 en Campolongo
Inicio da campaña de vacinación 2025 en Campolongo / PontevedraViva

A Xunta de Galicia iniciará os días 29 e 30 de novembro unha campaña extraordinaria de vacinación fronte á gripe, dirixida ás persoas de 60 a 69 anos que aínda non foron citadas.

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, enviará mensaxes SMS para facilitar a participación deste grupo nos centros hospitalarios públicos, ante o adianto da onda pandémica do virus na presente tempada.

Durante esa fin de semana, os hospitais da Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés ofrecerán vacinación en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Os hospitais comarcais reforzarán a inmunización realizando xornadas especiais o sábado 29, en coordinación cos centros de atención primaria.

Actualmente, máis do 75 % das persoas maiores de 80 anos en Galicia xa están vacinadas contra a gripe, mentres a cobertura no grupo de 70 a 79 anos ronda o 60 %.

Sanidade insta á cidadanía a vacinarse tanto contra a gripe como contra a Covid-19, co propósito de previr enfermidades e reducir a súa incidencia.