Abre a campaña vacinal de gripe e covid: "É importante vacinarse porque se ataca, non atacará con tanta brutalidade"

Pontevedra
29 de setembro 2025
Actualizado: 14:35

A primeira fase comeza en residencias e centros de discapacidade e está dirixida a 1.432 usuarios e 344 traballadores. En Campolongo, tan só unha das 70 persoas residentes rexeitou inxectarse

Inicio da campaña de vacinación 2025 en Campolongo
Inicio da campaña de vacinación 2025 en Campolongo / PontevedraViva

José Alende Castro, máis coñecido como Pepe na residencia de maiores de Campolongo, onde reside desde fai tres anos, inaugurou este luns a nova campaña de vacinación fronte á gripe e a covid-19.

A campaña abriuse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés cunha primeira fase centrada en residencias e centros de discapacidade para protexer á poboación máis vulnerable e os primeiros centros beneficiados foron 70 usarios e 26 traballadores de Campolongo en Pontevedra e 56 residentes e 8 traballadores de ServiSenior en Vilagarcía.

En Campolongo, Pepe Alende foi o primeiro porque se despraza en cadeira de rodas e comezaron por oren alfabético por aqueles con dificultades de movildad. Tras recibir ambas as vacinas, mostrou unha defensa férrea da campaña.

Aos seus 58 anos, insiste en que "é importante vacinarse porque si ataca, non atacará con tanta brutalidade". El tivo covid-19 hai dous anos e non notou "síntoma ningún", tan só un pouco de tose, e defende que se debe a que estaba vacinado.

"Hai moitos que non se queren vacinar, pero eu diríalles que si", defendeu ante os medios de comunicación. Na súa residencia, tan só unha muller rexeitou vacinarse. Segundo confirman responsables do centro, non se vacinou en ningunha das campañas anteriores.

Esta primeira fase da campaña chegará a 26 centros de Pontevedra e O Salnés. Ademais de Campolongo e ServiSenior, os primeiros serán a residencia Mama-Mela de Forcarei e a residencia de Meis.

Chegará a 1.432 usuarios e usuarias e 344 traballadores e, para iso, prevén empregar 2.978 doses de vacinas,1.604 doses de gripe e 1.374 dose de covid-19.

Este luns, ata Campolongo desprazouse unha comitiva oficial encabezada polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; a directora territorial de Sanidade en Pontevedra, Natalia Botana; a directora asistencial da área sanitaria, Yolanda Sanduende; e a directora e subdirectora de Enfermaría, Concepción Abellás e Silvia Amoedo.

Silvia Amoedo avanzou que se prevé unha alta cobertura, cun 99% de residentes e traballadores vacinados en Campolongo no caso de gripe e un 75% de covid-19. "Os índices previstos de vacinación son moi bos e iso dános ánimos de que se manteñan ao longo da campaña", indicou.

Primer día de la campaña de vacunación 2025 en Campolongo
Primeiro día da campaña de vacinación 2025 en CampolongoPontevedraViva

SEGUNDA FASE, NENOS EN OUTUBRO

A seguinte fase iniciarase o 13 de outubro con nenos de 6 meses a 11 anos, unha poboación de 22.014.

Este ano, neste grupo de idade haberá dúas novidades. A primeira é que a partir dos 2 anos vaise usar a vacina intranasal, "co cal, non haberá picada". A segunda, un plan piloto nalgúns colexios de toda Galicia do que xa se darán novidades.

Tras os nenos e nenas, comezarán os pacientes inmobilizados. Persoal dos centros de saúde irá aos seus domicilios para vacinalos a eles e ao seu coidador principal.

A partir do 20 de novembro, será a quenda dos maiores de 60 anos. "Empezaremos polos maiores e imos diminuíndo a idade ata chegar aos 60", explicou Silvia Amoedo.

Un dos cidadáns que entra este ano por primeira vez nese grupo de idade de máis de 60 será Agustín Reguera, que xa anunciou que o fará "por suposto".

A campaña durará ata o 31 de decembro e este ano, por primeira vez desde a pandemia, non usará grandes recintos, pero si se realizará a citación como sempre, vía SMS.