Campaña integral para recuperar o patrimonio etnográfico de Ribadumia

O Salnés
08 de outubro 2025
Actualizado: 18:41

O Concello intervén en case 40 fontes e lavadoiros tradicionais distribuídos por todas as parroquias para garantir a súa conservación e accesibilidade

Operarios limpan un lavadoiro en Ribadumia
Operarios limpan un lavadoiro en Ribadumia / Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia puxo en marcha unha campaña de limpeza e mantemento que abarca os elementos patrimoniais máis representativos da arquitectura tradicional local.

A actuación esténdese por todas as parroquias do municipio, dende Sisán ata Lois, cunha estratexia que pretende chegar a preto de 40 elementos patrimoniais entre fontes e lavadoiros.

Algúns destes espazos, segundo o goberno local, posúen un gran valor histórico e etnográfico que os converte en testemuñas vivas da forma de vida das xeracións pasadas.

Para executar os traballos, o goberno local habilitou unha cuadrilla específica de persoal municipal que se encarga da limpeza, conservación e posta a punto destes espazos de maneira coordinada.

Esta medida permite unha intervención sistemática que garante a homoxeneidade dos traballos en todo o termo municipal.

A iniciativa non só busca a conservación patrimonial, senón que persigue un dobre obxectivo: mellorar a accesibilidade e o uso cotián por parte da veciñanza, ao tempo que favorece que as persoas visitantes poidan coñecer de primeira man o patrimonio da vila.

Dende o goberno local subliñan a importancia de manter este tipo de bens en condicións óptimas polo seu valor funcional, cultural e histórico.