Campo Lameiro prepara unha nova andaina a beneficio da Fundación Andrea

Umia
15 de xullo 2025

Está aberto xa o prazo de inscrición ata un máximo de 700 participantes. Celebrarase o 21 de setembro sobre tres percorridos: un de 24 quilómetros, outro de 13 e un pequeño de 8.

Presentación da cuarta Andaina solidaria Concello de Campo Lameiro
Presentación da cuarta Andaina solidaria Concello de Campo Lameiro / Concello de Campo Lameiro

A cuarta edición da Andaina Concello de Campo Lameiro se celebrará o domingo 21 de setembro a beneficio da Fundación Andrea de apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais.

Na presentación desta actividade solidaria "practicamente consolidada" participou o alcalde, Carlos Costa, xunto a Fernando Caldas Domínguez, Paula Pazos Fontán, Jesús Garcia Ameijeiras e Mónica Arza Souto, membros do Comité Organizador.

Segundo informaron haberá tres percorridos: un de 24 quilómetros, outro de 13 e un pequeño de 8.

Por cuestións organizativas, este ano o máximo de participación permitida será de 700 persoas que deberán formalizar a súa inscrición ata o 12 de setembro.

O alcalde lembrou que esta proba pedestre non competitiva pretende "promocionar tamén dos distintos lugares e paraxes marabillosas que conforman o patrimonio natural e medioambiental do municipio" polo que o itinerario será diferente ao do ano pasado.

Será un percorrido circular con varios postos de avituallamento para facilitar que os participantes estean perfectamente atendidos ao longo de toda andaina.

Para incentivar a inscrición neste evento deportivo e turístico, a organización estableceu varios sorteos de produtos doados por establecementos comerciais da contorna, que cada vez son máis a colaborar con esta iniciativa. Os sorteos faranse entre todos os dorsais inscritos, que terán que abonar 12 euros por participar. Desta cantidade, 5 euros irán destinados íntegramente á Fundación Andrea.

As inscricións deberán facilitarse a través da páxina web www.sportmaniacs.com e recibirán unha camisola de agasallo por parte da organización, que respectará as tallas aos primeiros 300 inscritos.

Ao remate deste evento turístico-deportivo e solidario a organización servirá un aperitivo a base de petiscos nos que haberá empanada, mexillóns e callos que poderán ser degustados e acompañados por bebidas refrescantes doadas polos establecementos colaboradores.